Os grupos solicitan un informe xurídico coa finalidade de propoñer que os casos de transfuguismo non afecten á representación, retribucións e dispoñibilidade de persoal dos grupos políticos
A xunta de portavoces do Concello de Ourense analizou esta mañá o réxime de participación dos concelleiros non adscritos nos plenos e comisións municipais. Así, mantendo o que xa se acordara neste mandato cando varios concelleiros foran expulsados de Democracia Ourensana, en cada moción plenaria poderá intervir un dos 5 concelleiros nos adscritos, dispoñendo das súas quendas de 2 minutos na primeira intervención e doutros 2 na segunda.
Os concelleiros deberán poñerse de acordo sobre quen intervén en cada moción e se non hai acordo, será rotatorio. Tamén un dos 5 poderá presentar unha moción en cada pleno e intervir durante os 5 minutos de primeira intervención e 4 minutos na segunda ronda. Non poderán asistir ás xuntas de área nin ao Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes, pero si ás comisións de pleno e de suxestións, co mesmo réxime de asistencia e intervención ca nos plenos.
Por outra banda, os grupos acordaron solicitar un informe xurídico para propoñerlle ao Pleno que, na liña do acordo antitransfuguismo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), os casos de transfuguismo non afecten ás representacións que teñen os grupos políticos nas distintas, comisións, ás retribucións económicas ou á dispoñibilidade de persoal de apoio. Trátase, explicou o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, de que “os tránsfugas non podan producir un dano, un menoscabo ou unha diminución”. O rexedor aclarou que “en ningún caso se producirá un incremento de gasto” para o Concello de Ourense, senón de que “que non se produza unha diminución por culpa do transfuguismo”.
O próximo pleno será o 4 de xuño, de forma presencial, no Auditorio.



