A segunda edición desta competición logra un récord de participación con deportistas de máis de cinco países que se desprazaron ata Arnoia para medirse nas probas que puntúan no circuíto nacional
A xerente do Inorde asistiu hoxe a este evento deportivo que converte a “Arnoia na capital do paddle surf e dos deportes náuticos, o que nos permite promocionar os recursos naturais que temos no noso territorio a través da súa posta en valor co turismo deportivo”
Os mellores atletas do paddle surf danse cita este fin de semana na segunda edición da “Arnoia Sup Challenge” que este ano se desenvolve nun formato de competición de dous días no que se disputarán a Copa de España de Longa Distancia, a Copa de España da modalidade Sprint e será tamén unha das probas da Copa Galega de Paddle Surf Race. A segunda edición desta competición logra un récord de participación con deportistas de máis de cinco países que se desprazaron ata Arnoia para medirse nas probas que puntúan no circuíto nacional.
A xerente do Inorde, Emma González, estivo hoxe co alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio; co xefe territorial de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; e co director xerente de Caldaria, Javier Soto, xunto ao tenente coronal da Garda Civil e o concelleiro de Deportes de Arnoia, durante a celebración da primeira xornada deste evento deportivo que converte a “Arnoia na capital do paddle surf e dos deportes náuticos, o que nos permite promocionar os recursos naturais que temos no noso territorio a través da súa posta en valor co turismo deportivo”, salientou Emma González.
“Dado o éxito de participación e a capacidade de atracción que ten esta disciplina deportiva na nosa provincia, desde as administracións debemos continuar a apostar por este tipo de eventos para converter a nosa “lámina de auga” nun dos grandes destinos do paddle surf”, destacou a xerente do Inorde
Programa da “Arnoia Sup Challenge”
Durante a mañá de hoxe, están participando preto de 130 deportistas que competirán na Copa de España de Longa Distancia, con percorridos moi vistosos para todos os espectadores que se acheguen ás instalacións do Hotel Balneario Caldaria.
Ás 9.30 horas comezaron as probas de Longa Distancia nas que tamén competirán nenos e nenas nas categorías de Sub8 a Sub12. Xunto a eles, tamén participarán máis dunha trintena de adultos na categoría Amateur. A partir das 11.00 horas, foi a quenda para as categorías Sub14 a Elite, nas que o nivel de esixencia sube e irán completando percorridos de ata 14 km polo río Miño. Finalizadas as carreiras, tivo lugar a entrega de premios.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas está convocada unha travesía popular que ten como obxectivo achegar este deporte á veciñanza, ás familias e a todos aqueles grupos de persoas que queiran gozar deste evento dun modo relaxado e non competitivo. A travesía está prevista para completar un percorrido de 5 km no que descubrirán os recunchos desta zona do río. Para pechar a xornada do sábado, actuará o grupo Broken Peach, a partir das 22.00 horas.
Na xornada de mañá domingo, 21 de maio, disputarase a Copa de España de Sprints con preto de 50 participantes. A proba comezará ás 10.30 horas e novamente estarán todas as categorías loitando para facerse coa vitoria. As mangas clasificatorias iranse sucedendo ata disputar as finais sobre as 12.30 horas. A organización espera que sexa un espectáculo deportivo no que novamente estarán os campións Fernando Pérez e Esperanza Barreras; que tamén é campioa do mundo. Finalizada a competición, entregaranse os premios a partir das 13.30 horas.