Os parlamentarios ourensáns denuncian que a inacción e os silencios de ADIF-AV/AV e do Ministerio de Transportes evidencian que pretenden deixar sen executar os tres tramos pendentes da variante exterior ferroviaria

adminON
Lectura mínima de 7

• “Non imos consentir que a LAV a Galicia quede cun tramo de trazado sinuoso de 8 km e de vía única mixta desde Seixalbo ata a estación de Ourense” afirma Celso Delgado

• Lembran que é fundamental completar o trazado con dobre vía na totalidade da liña para asegurar a súa fiabilidade, pois de non ser así calquera incidencia ou avaría supoñería o corte do acceso ferroviario

O 28 de xaneiro de 2025 os deputados ourensáns do Grupo Parlamentario Popular Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso, a seguinte pregunta dirixida ao Goberno. Dicía asi:
“Chegou ao noso coñecemento unha información, xa bastantes estendida nos foros ferroviarios, de que o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible (MITMS) e Adif Alta Velocidade, tomaron a decisión de non licitar e en consecuencia non executar os tres tramos que están pendentes da Variante Exterior Ferroviaria de Ouurense, a saber: Conexión Seixalbo-Seixalbo (0,83 km); Seixalbo-Túnel de Montealegre (3,96 km) e Túnel de Montealegre-Estación de Ourense (3,63 km).
E que, como alternativa, están a elaborar un proxecto de desdobramento da actual liña convencional, de modo que se chegaría á estación de Ourense polo sinuoso percorrido actual no que se instalou de forma provisional un terceiro fío alta velocidade a Ourense.
De confirmarse estes feitos, serían dunha enorme gravidade, un agravio enorme a Galicia e moi en especial a Ourense e é por iso moi urxente que tanto o MITMS como Adif-AV/AV desmintan oficialmente de inmediato este rumor e confirmen que, tal e como está comprometido, licitarán en 2025 as obras dos tres novos tramos antes citados que por certo xa teñen os proxectos de construción redactados.
Como xa denunciamos anteriormente o Goberno socialista vén negando a dar unha explicación convincente de cales son as razóns polas que estes proxectos xa redactados necesitan un “novo contrato” para “adaptalos á forte subida do prezo dos materiais e a aprobación da última normativa de obrigado cumprimento”
Adif-AV/AV é un ente supertecnificado, con medios informáticos de primeira que proporciona a actualización de prezos en liña e que non é necesario licitar ningún novo contrato, Non busquen escusas nin nos traten como menores de idade ou como indocumentados.
Unha vez máis insistimos que é imprescindible construír os tres tramos pendentes da Variante Exterior, pois doutro xeito a LAV quedaría cun tramo de trazado sinuoso de 8 km e de vía única mixta, entrado na estación ademais en curva. Ademais, é fundamental para completar o trazado con dobre vía na totalidade da LAV e asegurar a súa fiabilidade, pois de non ser así calquera incidencia ou avaría nunha vía única supoñería o corte do acceso ferroviario entre Galicia e Madrid.
E a maiores, lembramos o recente informe da patronal das obras públicas, SEOPAN “Análises do Investimento Prioritario en Infraestruturas en España” no que se cualifica a Variante de Ourense como unha prioridade e que “O investimento total estimado por Adif para toda a infraestrutura é de 564 M€, que terá un beneficio social asociado de 1.111 M€ calculados a 30 anos.
Por todo o anterior preguntamos:
Desmentirá de forma oficial e urxente o Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible (MITMS) e Adif Alta Velocidade, as informacións que están a chegar, de que non vai executar as obras dos tres novos tramos pendentes da Variante Exterior Ferroviaria: Conexión Seixalbo-Seixalbo, Seixalbo-Túnel de Montealegre e Túnel de Montealegre-Estación de Ourens, debido a que pretenden simplemente unha duplicación do sinuoso tramo actual que ten un carácter provisional?
Que explicación dá o Goberno e ADIF-AV/AV e o MITMS a que en novembro de 2023 afirmase por escrito o Delegado do Goberno que os proxectos dos tres tramos pendentes de licitar da variante exterior estaban en” revisión de normativa de seguridade e prezos”. E que en decembro de 2024 afirmen en resposta parlamentaria que “é necesario un novo contrato para realizar esa actualización”?
Confirma o MITMS e Adif-AV/AV que despois de varios incumprimentos, licitarán en 2025 as obras dos tres tramos pendentes da variante exterior?
A RESPOSTA do goberno chegou o 3 de marzo de 2025 e é a seguinte:
“En relación co asunto interesado, sinálase que en 2025 Adif seguirá traballando na execución da Fase 1 da chegada a Ourense polo trazado en variante entre Taboadela e Ourense.
Ambos os tramos contan con financiamento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). Taboadela-Túnel de Rante (5,6 km). Túnel de Rante-Conexión Seixalbo (2,3 km)”
NOSA VALORACIÓN
Estabamos moi preocupados cando fixemos a pregunta, pero agora estanos moi seriamente alarmados pois a resposta do Goberno:
. Non desmente de forma oficial as informacións que están a circular de que non se van executar os tres tramos pendentes da variante exterior. É o mínimo que terían que facer uns gobernantes responsables.
. Non se dá explicación algunha sobre as razóns polas que ADIF-AV/AV di que debe realizar un novo contrato para revisar a normativa de seguridade e prezos dos proxectos.
. E tampouco se confirma unha data de licitación das obras deses tres tramos pendentes por parte do Ministerio de Transportes e de ADIF-AV/AV
A resposta gobernamental tan só refírese a que en 2025 continuará coa execución das obras dos dous tramos entre Taboadela e Conexión Seixalbo. Algo obvio e que non era obxecto da nosa pregunta.
En definitiva, estamos unha falta de respecto aos cidadáns aos que representamos que teñen dereito a recibir información transparente e veraz. Non silencio e ocultación.
Lembramos unha vez máis que é fundamental completar o trazado con dobre vía na totalidade da liña para asegurar a súa fiabilidade, pois de non ser así calquera incidencia ou avaría supoñería o corte do acceso ferroviario.
Non imos consentir que a LAV a Galicia quede cun tramo de trazado sinuoso de 8 km e de vía única mixta desde Seixalbo ata a estación de Ourense” afirma Celso Delgado.

Comparte este artigo