Coas citas desta noite en Maceda e Viana serán dez as vilas da provincia percorridas polas Xornadas de Folclore, que xa superan o ecuador do programa. Os 180 integrantes das agrupacións folclóricas aseguran sentirse “moi arropados” pola organización e polos espectadores. Mañá os escenarios das actuacións estarán situados en Entrimo e Xinzo de Limia
Os participantes nestas Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, destacan “a gran e calurosa acollida” que están recibindo por parte do público ourensán. Aseguran, ademais , sentirse “moi arropados”, tanto pola organización como polos espectadores que enchen cada noite os espazos de actuación. Esta noite a cita dobre será na Praza das Toldas de Maceda e na Esplanada do Pavillón de Viana. Será ás 22.30 horas.
Mañá, 13 de agosto: Entrimo e Xinzo de Limia
As músicas e danzas de catro continentes continúan o viaxe pola provincia ourensá. Bolivia, Tahití e Ucraína chegarán a Xinzo de Limia. O grupo Hei Show Tahití “Ori” naceu na cidade francesa de Toulon e conta con máis de 150 integrantes, que forman parte da comunidade de Tahití residente no sur de Francia. É unha asociación composta por unha escola de danza e un grupo de danza , que ten como obxectivo promover e compartir a cultura polinesia, en particular a da Polinesia Francesa, así como a salvagarda de “Ori Tahití”, cuxa tradución literal é “danza tahitiana”, unha expresión artística orixinal enraizada nunha tradición afastada.
Dende a cidade canadiense de Regina chega o grupo Poltava, formado por 50 membros descendentes de emigrantes ucraínos, nos que se inclúen bailaríns, músicos e cantores. A súa orixe data de 1922, ano no que se creou unha orquestra de cordas infantil. O seu repertorio é único con danzas do seu país, pero tamén representa a cultura dalgúns países fronteirizos con quen comparten tradicións. Ten un elevado nivel de formación técnica en danza Ucraína, pero tamén noutros tipos de danza como clásica e folk. Será ás 20,30 horas, na Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia.
As agrupacións Tungurahua, de Ecuador; Amezebra, de Sudáfrica e o Ballet Folclórico Latinoamericano Santiago del Estero, de Arxentina representarán as historias recollidas nas tradicións dos seus pobos en Entrimo. Será ás 20,30 horas, na Alameda.