HomeOurenseOs senadores ourensáns piden que a normativa sobre tratamento de xurros se...

Os senadores ourensáns piden que a normativa sobre tratamento de xurros se adapte á realidade das explotacións galegas

- Anuncio -spot_img

Nunha moción, os populares destacan que as singulares condicions do territorio, como a orografía, as pendentes do terreo ou o grao de humidade fan preciso que se tomen medidas singulares en Galicia e nas comunidades da Cornixa Cantábrica.

As medidas xerais para reducir o exceso de emisións de amoníaco á atmosfera e evitar a contaminación das augas por nitratos “afectan á competitividade das pequenas explotacións, poñendo en risco a fixación de poboación no rural galego, onde se ubican máis da metade das granxas censadas polo ministerio en toda España, por diante de Asturias e Cantabria”, destaca o senador ouresán Miguel Ángel Viso.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Ourense, Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte, Francisco José Fernández e Jesús Vázquez, veñen de impulsar unha iniciativa pola que piden ao Goberno que adapte a normativa internacional para o tratamento e almacenamento de xurros e estercos á realidade das explotacións de vacún de leite en Galicia, onde determinadas condicións como a orografía, as pendentes do terreo e o grao de humidade fan precisas a adopación de procedementos singulares.

A moción rexistrada na Cámara Alta, para o seu debate na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación, conta tamén co apoio dos representantes populares nas comunidades de Cantabria, Asturias e Navarra, onde os gandeiros tamén se ven afectados polas singularidades propias destes territorios.

Xunto coa adaptación das normas internacionais á realidade galega e das comunidades da Cornixa Cantábrica, os senadores solicitan na súa iniciativa que o Goberno explore alternativas de menor custo ás medidas propostas nas pequenas explotacións, sobre todo nas familiares, que verían seriamente afectada a súa economía facéndoas aínda menos competitivas. Pídese tamén ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se apoie á agricultura e á gandeiría familiar como un dos piares sobre os que se asenta a fixación de poboación no medio rural, contando ademais coas administracións autonómicas competentes da Cornixa Cantábrica afectadas pola adaptación da norma xeral relativa á redución da distancia aos ríos, debido ás condicións específicas destes territorios.

EXCESO DE EMISIÓNS

O senador ourensán Miguel Ángel Viso, explica que esta iniciativa parte “do importante peso que ten Galicia no vacún de leite, sendo a comunidade que agrupa a máis da metade das explotacións de todo o país, por diante de Asturias e Cantabria”.

Segundo os datos do ministerio, Galicia conta con 6.563 explotacións (11.923 en toda España), cuxos titulares teñen unha media de idade de 50 anos, a menos envellecida de España, e o 71 % destas granxas corresponden a persoas físicas. No obstante, as explotacións galegas están ao final da lista no tocante ao seu tamaño, xa que o número medio de animais sitúase pouco máis por riba das 50 unidades, mentres que a media estatal é de 82,5 animais.

O plan do ministerio, destaca Viso, “é reducir o exceso de emisións de amoníaco á atmosfera no sector agrogandeiro e evitar a contaminación das augas por nitratos, a través de medidas que afectan directamente as gandeirías de vacún”, entre as que citou a modo de exemplo a prohibición definitivamente do esparexido do xurro co sistema de prato ou abanico, utilizado na inmensa maioría dos casos.

Por outra banda, apunta o senador popular, o ministerio non ten en conta os datos sobre o tempo que pasan as vacas e a recría de leite en pastoreo, o que prexudica ás gandeirías ecolóxicas de Galicia e a Cornixa Cantábrica, “xa que o fomento do gando en pastoreo está considerado como unha das mellores técnicas para reducir as emisións de amoníaco”.

Ao mesmo tempo, engade, que a Unión Europea sinala que “os gobernos deben ter en conta o efecto que poden causar as medidas nas pequenas explotacións, sobre todo ás familiares de pequeno tamaño que se verían máis afectadas por este sobrecusto, facéndoas aínda menos competitivas, debido á economía de escala, fronte ás grandes explotacións, fomentando aínda máis o despoboamento do rural, xa tan gravemente afectado en todo o país”.

Publicacións Relacionadas