Ourencanto chega esta fin de semana á súa sexta edición, con actividades que achegarán o canto coral a 2.000 mozos e mozas

adminON
Lectura mínima de 3

O Encontro de coros infantís, xuvenís e coros escolares Ourencanto chega este ano á súa sexta edición, que se desenvolverá do día 5 ao 8 de abril no Conservatorio e no Auditorio municipal de Ourense, cun programa de actividades destinados a achegar a nenos e mozos ao canto coral. Esta mañá no salón de plenos do Concello tivo lugar a presentación do certame, en cuxa organización colaboran o Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, entre outras entidades e empresas. No acto participaron o produtor de Ourencanto, Carlos Núñez, a directora técnica, Cristina Rodríguez, a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco e o vicepresidente da Deputación, César Fernández.

Ourencanto é un proxecto pioneiro en Galicia que busca fomentar e difundir o canto coral entre nenos e mozos de 8 a 18 anos. Desde a súa primeira edición en 2017 superou todas as expectativas en canto a participación, repercusión e resultados, converténdose nunha referencia nacional e internacional. A previsión para este ano é chegar a 2.000 mozos e mozas e a un público moi numeroso, o que indica o constante crecemento e consolidación do proxecto.

Ourencanto é un encontro de coros infantís, xuvenís e escolares no que, durante tres días, nenos e mozos conviven, participando nunhas xornadas de canto coral que reunirá 445 participantes de Ourense e doutros puntos de Galicia. Estará dirixido por Josu Elberdin, un dos mellores compositores e directores de coros infantís de España e do mundo, e rematará cun grande concerto a cargo de todos os participantes no Auditorio o domingo 7 de abril, ás 7.00 da tarde.

Amais, por segundo ano consecutivo, tras o éxito do ano pasado, o luns 8, ás 10 e ás 12 horas, no auditorio haberá dúas sesións especiais para escolares de terceiro e cuarto de primaria. Nesta sesión especial, organizada en colaboración coa Concellería de Educación do Concello de Ourense, participarán un total de 16 centros educativos da cidade, e máis de 1000 escolares.

A organización tamén avanzou que este ano a entrada ten unha pequena achega voluntaria, de 3 euros, que se destinará á Fundación Meniños, ONG de axuda e protección á infancia.

Comparte este artigo