HomeOurenseOurense pecha o Entroido 2026 cunha afluencia multitudinaria

Ourense pecha o Entroido 2026 cunha afluencia multitudinaria

- Anuncio -spot_img
  • As noites do sábado e luns foron as de asistencia máis masiva.
  • O servizo de limpeza recolleu catro veces máis residuos que na Noite de Fin de Ano, o que dá unha idea da magnitude da celebración.
  • A hostalería local rexistra un grande impacto económico tras sete días de actividade festiva.

O Concello de Ourense fai hoxe un balance “enormemente positivo” do Entroido 2026. Tras sete días de intensa programación —desde o Xoves de Comadres ata o Enterro da Sardiña—, un ano máis, a cidade reafírmase como o referente do Carnaval do norte peninsular conslolidándose entre os grandes de España xunto con Canarias e Cádiz.

Segundo os datos facilitados pola Policía Local, as xornadas de maior concorrencia foron as noites do sábado e o luns, chegando a reunir 30.000persoas en cada unha delas ocupando as rúas do centro histórico e as zonas de concertos. Esta grande afluencia traduciuse tamén nun volume de traballo para os servizos municipais: a recollida de lixo multiplicou por catro as cifras rexistradas na pasada Noite de Fin de Ano, acadando unhas 20 toneladas cada unha desas noites grandes, un indicador claro da magnitude do evento.

Un dos puntos álxidos da programación foi o Desfile de Entroido do domingo. A calidade das comparsas e carrozas asombrou aos miles de espectadores que ateigaron as beirarrúas, destacando pola súa creatividade, cor e posta en escena.

O tempo un ano máis e malia as previsións de inestabilidade deu a tregua necesaria que permitiu que a totalidade das actividades programadas se desenvolvesen con normalidade e sen cancelacións.

A hostalería ourensá viviu unha semana de gran actividade, con cheos técnicos tanto en restaurantes como en hoteis, convertendo estas datas como cita clave no calendario turístico de Ourense.

O goberno local quere agradecer o comportamento cívico da cidadanía e o esforzo do operativo de seguridade e limpeza que permitiu que estas festas transcorreran sen incidentes salientables.

O Entroido 2026 será lembrado como un dos máis multitudinarios e brillantes da historia recente da cidade.

Publicacións Relacionadas