HomeOurenseOurense recupera unha das súas citas deportivas de Nadal máis emblemáticas: o...

Ourense recupera unha das súas citas deportivas de Nadal máis emblemáticas: o Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás

- Anuncio -spot_img

Concello e asociación veciñal Barrocás coorganizan a edición número 34 do certame, que se desenvolverá do 27 de decembro ao 5 de xaneiro

A cidade de Ourense recupera unha das súas actividades deportivas de Nadal máis senlleiras coa celebración da edición número 34 do Torneo de Xadrez Aninovo Barrocás 2026. O Pavillón dos Remedios acolleu esta mañá a presentación do certame, Memorial Manuel Villar, que coorganizan a Asociación Veciñal Barrocás e o Concello de Ourense, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense, Deporte Galego, Xadrez Ourensán Universitario, GLS, Caldaria, Abril e o Club Deportivo Xadrez Ourense.

O torneo desenvolverase desde o día 27 de decembro ata o 5 de xaneiro no local da Asociación de Veciños de Barrocás, e está aberto a xadrecistas de todas as idades, con categorías que van desde a Sub-8 ata a Sub-18, ademais da categoría Absoluta. As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información ou formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico: escoladexadrezbarrocas@gmail.com.

O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, participou na presentación do torneo xunto co presidente da asociación veciñal, Xesús Álvarez, e o secretario, Javier Lamas. Os organizadores destacaron a importancia de recuperar para a cidade un evento que celebrara a súa derradeira edición en 2018, e para a que agardan superar a cifra de 150 participantes, con 32 trofeos en disputa, que devolverán o Aninovo de Barrocás á posición de referencia que sempre lle correspondeu.

A edición deste Nadal comezará o día 27 de decembro ás 10.00 horas, coa participación das crianzas de menos de 8 anos; ás 15.30 horas comezará a categoría Sub-10 e ás 20.00 horas as categorías Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluta (que se disputarán ata o 5 de xaneiro). O domingo 28 terá lugar o torneo Sub-12. Desde o punto de vista técnico, os torneos Sub-14, Sub-16, Sub-18 e Absoluto serán valedeiros para ELO internacional. Ademais dos trofeos e premios establecidos nas distintas categorías, haberá sorteos con agasallos dos colaboradores. Entre estes, destaca un adestramento cun Gran Mestre de xadrez.

Publicacións Relacionadas