HomeOurenseOurenseOurense reúne esta fin de semana a elite da ximnasia estética nacional...

Ourense reúne esta fin de semana a elite da ximnasia estética nacional co Campionato de España no Pavillón dos Remedios

- Anuncio -spot_img

Máis de 500 deportistas de 11 comunidades participarán no torneo, no que colabora o Concello

Máis de 500 deportistas participarán no Campionato de España de ximnasia estética de grupos, que se desenvolverá desde mañá venres, 11, até o domingo, 13 de xullo, no Pavillón Municipal dos Remedios. O salón de plenos do Concello acolleu esta mañá a presentación desta competición deportiva, organizada pola Real Federación Española de Ximnasia coa colaboración do Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, entre outras entidades e empresas. No acto participaron o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, o presidente da Federación Galega de Ximnasia, José Manuel Estévez, e a presidenta do Club Ximnasia Pavillón, Carmen Blanco.

O torneo, na súa segunda edición, reunirá equipos procedentes de 11 comunidades autónomas de todas as categorías, desde infantil a sénior. Entre eles, 3 equipos representantes do Club Ximnasia Pavillón: o júnior mixto, que quedou primeiro na primeira edición do nacional que se desenvolveu en Granada, un alevín e un sénior, segundo detallou a presidenta do equipo ourensán. O certame reunirá a elite do deporte en toda España, explicou o presidente da federación galega, incluíndo ximnastas, 2 delas galegas, que participaron a semana pasada no campionato do mundo da especialidade. Ambos animaron o público a acudir ao pavillón dos Remedios e desfrutar con este espectáculo deportivo.

Pola súa banda, o tenente de alcalde Aníbal Pereira asegurou que “é unha bendición que este tipo de eventos veñan a Ourense. Esa é a dinámica das 3 institucións: Concello, Deputación e Xunta. Cremos que o turismo deportivo nunha cidade como a nosa estase convertendo nunha elemento fundamental. Esta é a aposta, e máis nun deporte tan consolidado en Ourense como é a ximnasia. Desexámoslle moita sorte aos nosos e ás nosas ximnastas, e a quen veñen, que desfruten da súa estadía na cidade, que os imos tratar francamente ben”.

O xefe do servizo de Deportes da Xunta, Manuel Pérez celebrou “a boa saúde que teñen os eventos deportivos en Ourense. Turismo e deporte é un binomio que sempre funciona”, aseverou. Tamén destacou “a boa saúde da ximnasia, un dos deportes top da cidade e da provincia. Estamos todos de noraboa. Será outra fin de semana na que Ourense vai estar completo cun evento que será un grande espectáculo e un éxito”.

Disciplina baseada no movemento estilizado e natural do corpo

A ximnasia estética é unha disciplina deportiva baseada no movemento estilizado e natural do corpo, que combina e realza calidades como o dinamismo, o ritmo e a harmonía dos movementos realizados cun uso económico e eficaz da forza. A ximnasia estética é expresión, arte e sentimento convertido en deporte de competición, realizado por un grupo de deportistas do que flúe un movemento estético e sincronizado.

Durante a xornada de mañá, venres, serán a entrega de credenciais aos equipos e os quecementos oficiais. O sábado serán as preliminares, en xornada de mañá e tarde, e o domingo pola mañá as finais.

Toda a información na páxina web da Real Federación Española de Ximnasia: https://rfegimnasia.es/microsite/Url/campeonato-de-espana-geg

Publicacións Relacionadas