O Marcos Valcárcel acollerá un cumio “de alto nivel no que a provincia de Ourense terá a visibilidade que merece”, destaca o presidente da Deputación e vicepresidente da CEPLI, Manuel Baltar, que expresa o seu agradecemento “a todos os membros da entidade que de forma unánime elixiron esta sede”
Manuel Baltar detalla que neste encontro afondarase “nos retos dos gobernos intermedios e dos seus territorios na xestión de riscos e catástrofes, pero tamén en cuestións como os fondos Next Generation, a descentralización ou a desconcentración de competencias”.
Na Conferencia Política, relatores de Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Polonia e Romanía analizarán o impacto en cifras dos desastres naturais, o sistema de protección civil, as accións das autoridades locais intermedias, e a comunicación coa poboación, formación e participación ante emerxencias
O luns 6 de marzo, a Asemblea Xeral da CEPLI tamén se reunirá no Marcos Valcárcel
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá o próximo martes, día 7, a XII Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios, CEPLI, “que reunirá en Ourense a significados representantes da gobernanza territorial en Europa para falar dos retos aos que nos enfrontamos nun contexto internacional difícil e competitivo”, destaca o presidente da Deputación e vicepresidente da CEPLI, Manuel Baltar. Como previa, o día anterior, 6 de marzo, a confederación comunitaria tamén celebrará a súa Asemblea Xeral no Marcos Valcárcel.
Deste xeito, a próxima semana Ourense protagonizará o segundo cumio de gobernos provinciais que se celebra na cidade no prazo dun mes, logo da reunión da Comisión de Deputacións, Cabildos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). “Unha convocatoria de alto nivel, esta vez de carácter europeo, na que a provincia de Ourense terá a visibilidade que merece”, afirma Manuel Baltar, ao tempo que transmite o seu agradecemento “a todos os membros da entidade que de forma unánime elixiron esta sede”.
Os representantes da CEPLI viaxarán por primeira vez á capital ourensá “para afondar nos retos dos gobernos intermedios e dos seus territorios na xestión de riscos e catástrofes, pero tamén en cuestións como os fondos Next Generation, a descentralización ou a desconcentración de competencias, avanza o presidente da Deputación e vicepresidente da confederación. Con este obxectivo, “contaremos na Conferencia Política con relatores de elevado nivel procedentes de países como Alemaña, Francia, Italia, Bélxica, Polonia e Romanía”, sinala Manuel Baltar.
O vicepresidente da CEPLI destaca a importancia dunha convocatoria “na que as opinións e recomendacións da confederación, froito das conclusións que se obteñan na xuntanza do martes, serán tidas en conta polas institucións comunitarias para un futuro escenario europeo”.
Agrupación de 1.164 provincias europeas
A elección de Ourense como sede da Conferencia Política da CEPLI parte dunha proposta realizada polo propio Manuel Baltar en outubro do pasado ano, no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades, e aceptada de modo unánime pola asemblea da CEPLI. A confederación representa a 1.164 provincias de oito nacións, entre as que non se atopa España. Non obstante, Manuel Baltar ocupa a vicepresidencia da entidade na súa condición de presidente da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios (Partenalia), que á súa vez lidera desde 2014, sendo reelixido en outubro pasado para liderar un novo mandato de dous anos.
Análise do impacto dos desastres naturais e dos sistemas protección civil
No Marcos Valcárcel e de modo presencial e telemático, os participantes na XII Conferencia Política da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios iniciarán as sesións o vindeiro martes, 7 de marzo, ás dez da mañá, cun acto de inauguración no que participará Manuel Baltar como presidente da Deputación de Ourense e de Partenalia. Estará acompañado polo presidente da CEPLI, o francés André Viola, e o secretario xeral da FEMP, Carlos Daniel Casares.
Trala apertura celebraranse diversas xuntanzas nas que se analizará a vulnerabilidade dos territorios e o impacto en cifras dos desastres naturais, o sistema de protección civil e as accións das autoridades locais intermedias, e a cultura do risco e maila comunicación coa poboación, a formación, sensibilización e participación ante situacións de emerxencia. Todos estes aspectos abordaranse desde os novos enfoques europeos e desde a perspectiva territorial.
O encontro rematará coa intervención de André Viola, que dará lectura a unha declaración política da CEPLI e ás conclusións da xornada.
O día anterior, 6 de marzo, celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Asemblea Xeral da Confederación Europea de Poderes Locais e Intermedios. Unha reunión na que se aprobará o orzamento do 2023 da CEPLI ademais de abordar diferentes puntos de interese.



