Desde Podemos denunciamos publicamente a grave situación que atravesa a Policía Local por responsabilidade directa do Concello de Ourense, que continúa sen garantir dereitos básicos do persoal nin cumprir obrigas legais esenciais.
As axentes están a ter serias dificultades para completar as 32,5 horas anuais de formación obrigatoria, debido á inexistencia dunha planificación real e á falta de información sobre o Plan Anual de Formación. Esta situación obrígaos, en moitos casos, a intercambiar quendas entre compañeiros e compañeiras, asumindo un prexuízo persoal e profesional que non lles corresponde.
Durante a última reunión do ano do Consello de Coordinación de Podemos Ourense, o portavoz da formación foi contundente ao respecto: “Non é admisible que sexan os propios axentes os que teñan que facer malabarismos cos seus horarios para cumprir unha formación obrigatoria porque o Concello non fai o seu traballo.”
A esta situación súmase un feito especialmente grave: Ourense segue sen Regulamento da Policía Local, un documento fundamental que debería estar aprobado e publicado desde hai máis de seis meses. Sobre esta cuestión, o portavoz advertiu que: “a ausencia dun regulamento non é un detalle menor, é unha deixadez política que xera inseguridade xurídica e desorganización nun servizo esencial para a cidadanía.”
Pero a situación vai aínda máis alá. Na sentenza xudicial 00420/2025 recoñécese que a día de hoxe seguen sen existir protocolos de actuación vitais para os axentes da Policía Local, unha realidade absolutamente inadmisible. Tal e como se sinalou na devandita reunión: “Estamos a falar de protocolos básicos para actuar con seguridade. Que un xulgado teña que lembrar isto en 2025 é demoledor e deixa en moi mal lugar ao goberno municipal.”
Dende Podemos Ourense lembran que a falta destes protocolos non só pon en risco aos propios policías, senón tamén á veciñanza de Ourense: “A seguridade cidadá non pode depender da improvisación nin da boa vontade dos axentes; ten que estar respaldada por normas claras, formación e medios.”
Por todo isto, desde Podemos esiximos actuacións inmediatas: información clara e accesible sobre o Plan Anual de Formación, facilidades reais para cumprir as horas obrigatorias sen intercambiar quendas, a aprobación urxente do Regulamento da Policía Local e a implantación inmediata de todos os protocolos esenciais.
O Concello non pode seguir mirando para outro lado. Estamos a falar de dereitos laborais, de seguridade xurídica e da protección da cidadanía. Ourense merece unha Policía Local con medios, normas claras e formación adecuada.



