Podemos Ourense vén de rexistrar ante a Xunta de Galicia unha solicitude formal para que se inicie o procedemento de declaración de zonas de mercado residencial tensionado, con especial atención á cidade e á provincia de Ourense, ao abeiro do artigo 18 da Lei 12/2023, polo dereito á vivenda.
Queremos lembrar que xa presentamos previamente unha solicitude por rexistro no Concello de Ourense para que este instase á Xunta a declarar a cidade como zona tensionada. Porén, o Concello non realizou actuación administrativa ningunha, nin aprobou acordo nin trasladou a petición ao Goberno galego.
Segundo o noso portavoz, Francisco Diéguez, “o que estamos vendo é unha cadea de inaccións deliberadas: o Concello mira para outro lado e a Xunta négase sequera a comprobar se existen zonas tensionadas, cando a lei lle obriga a facelo”.
Podemos Ourense subliña que Galicia é unha das comunidades con maior porcentaxe de vivenda baleira, arredor do 23 % segundo o Censo de 2021, mentres que os prezos do alugueiro non deixan de medrar, tamén en Ourense, obrigando a moitos fogares a destinar máis do 30 % dos seus ingresos ao pagamento da vivenda.
“É inaceptábel que nunha provincia con miles de vivendas baleiras haxa xente que non pode pagar un alugueiro ou que se vexa obrigada a marchar. Isto non é unha anomalía estatística, é o resultado de decisións políticas que favorecen a especulación e abandonan o dereito á vivenda”, sinala Diéguez.
A situación resulta especialmente grave para a mocidade, cunha idade media de emancipación superior aos 30 anos e salarios que non permiten acceder a unha vivenda digna. “A xente nova de Ourense non se emancipa porque non quere, senón porque non pode”, afirmou Diéguez. “Sen intervención pública, o mercado expulsa á maioría social”.
Desde Podemos Ourense queremos lembrar que a Lei estatal de vivenda establece mecanismos claros para actuar, pero que a súa aplicación depende da vontade política das administracións competentes. “Non declarar zonas tensionadas cando existen indicios máis que suficientes non é unha decisión técnica, é unha decisión ideolóxica”, denunciou Diéguez.
Por todo iso, Podemos Ourense esiximos á Xunta de Galicia que abandone a inactividade, cumpra coa legalidade vixente e inicie de inmediato os trámites necesarios para diagnosticar a situación real do mercado residencial en Ourense e aplicar medidas que garantan o dereito á vivenda.
“A vivenda é un dereito constitucional, non un luxo nin un negocio para uns poucos”, concluíu Francisco Diéguez.



