HomeOurensePodemos Ourense denuncia ante a Fiscalía os danos ao patrimonio da rúa...

Podemos Ourense denuncia ante a Fiscalía os danos ao patrimonio da rúa Bispo Cesáreo e reclama a retirada do árbores de Nadal

- Anuncio -spot_img

Podemos Ourense presentou un escrito perante a Fiscalía Provincial de Ourense solicitando a súa intervención urxentepara frear os danos ao patrimonio cultural da rúa Bispo Cesáreo, un espazo incluído no Conxunto Histórico-Artístico da cidade e, por tanto, Ben de Interese Cultural (BIC).

A formación lembra que o pasado 3 de novembro presentou un requirimento urxente rexistrado co número 2025/3032645 ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, advertindo do risco de novas agresións e solicitando medidas cautelares, sen obter resposta ata o momento.

O escrito presentado á Fiscalía recolle ademais que en xaneiro de 2023 se produciron danos reais durante o desmontaxe do árbores de Nadal, tal e como se aprecia nun vídeo difundido polos medios, no que se observan roturas nos bancos de pedra e impactos no empedrado protexido.

A actuación afecta tamén á contorna da Fonte de Oseira, actualmente en trámite de declaración como BIC (expediente SI-2025-0005.CLA), o que agrava a situación de risco patrimonial.

Podemos Ourense xa advertira publicamente que, se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non actuaba con dilixencia, levaría o caso á Fiscalía para garantir a protección do conxunto histórico.

Ante a inacción da administración autonómica, a organización cumpre o seu compromiso e acode agora á vía xudicial.
“Xa se rexistraron danos nunha ocasión, en 2023, e non se adoptaron medidas preventivas. Iso demostra unha neglixencia evidente por parte das administracións implicadas”, declarou Francisco González Diéguez, portavoz de Podemos Ourense.
“Non pedimos nada extraordinario: só que se respecte a lei e se garanta a conservación do noso patrimonio histórico”, engadiu.

Desde Podemos Ourense tamén se critica a pasividade doutras forzas políticas municipais, que non levaron este asunto ao Pleno nin utilizaron as ferramentas institucionais ao seu alcance para frear unhas actuacións que poñen en risco o patrimonio da cidade.
“Non abonda con emitir notas de prensa ou declararse preocupados; cómpre actuar con valentía e empregar os mecanismos democráticos para frear os abusos e esixir responsabilidades”, concluiu Diéguez.

Podemos Ourense pide á Fiscalía que ordene a suspensión inmediata dos traballos, a retirada do árbores de Nadal e o seu traslado a outro emprazamento fóra do conxunto histórico, así como que investigue as actuacións municipais e depure responsabilidades.

Publicacións Relacionadas