Podemos Ourense solicitou oficialmente ao Concello de Ourense a realización dun estudo urxente
sobre as necesidades materiais da Policía Local e do Servizo de Bombeiros, denunciando a
situación de abandono na que se atopan dous corpos esenciais para a seguridade cidadá.
No caso da Policía Local, consideramos “inaceptable” que os uniformes non se renovasen en máis
de tres anos e que haxa axentes obrigados a utilizar uniformes doutras cidades, chegando a lucir
nos identificativos “Policía Local Lugo” ou “Policía Local Vigo”.
“É unha auténtica vergoña e unha falta de respecto cara aos nosos axentes, que ven como o
Concello lles dá as costas e mesmo danou a súa imaxe diante da cidadanía”, afirmou Diéguez na
asemblea do partido.
Ademais, a Policía Local carece de suficientes linternas e equipos de comunicación (walkie
talkies), e sofre graves problemas derivados da obsolescencia dos seus ordenadores e PDA. Esta
situación fai que apenas poidan traballar con normalidade co sistema APOLO, o programa básico
para xestionar denuncias, sancións e atestados.
No que respecta ao Servizo de Bombeiros, Podemos Ourense lembra que o material dispoñible é
insuficiente e en moitos casos obsoleto. O exemplo máis claro é o camión escaleira, que conta
xa con 20 anos de antigüidade e sofre avarías constantes, sen que ata o de agora o Concello
adquirise un vehículo novo que garanta intervencións seguras e eficaces.
Desde Podemos Ourense subliñan que estas carencias materiais non só afectan á dignidade e
seguridade do persoal municipal, senón que tamén poñen en risco á cidadanía.
Por iso, reclamamos que o Concello poña en marcha de inmediato un plan de reposición que
inclúa uniformes dignos, equipos de comunicación, ordenadores e PDA adecuados para o sistema
APOLO, así como a adquisición dun novo camión escaleira para os bombeiros.

