Desde Podemos Ourense queremos denunciar publicamente a grave situación que están a padecer os bombeiros do Concello, aos que se lles adebedan importantes cantidades económicas en concepto de horas extraordinarias, pluses de nocturnidade e festividade, así como outros complementos salariais recoñecidos xudicialmente.
Facémonos eco do comunicado emitido por Comisións Obreiras (CCOO), no que se lembra que existe xa unha sentenza firme que obriga ao Concello a aboar estas cantidades, e que, a día de hoxe, 30 de setembro de 2025, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome segue a incumprir.
Este comportamento é unha mostra máis da irresponsabilidade e da deriva autoritaria dun alcalde que despreza ás traballadoras e traballadores municipais e á propia xustiza.
Cómpre lembrar que o noso portavoz Francisco Diéguez xa presentou hai meses un escrito perante a Fiscalía, solicitando que se investigara se esta actitude podía ser constitutiva de delito.
Porén, a situación segue sen resolverse e os bombeiros continúan sen percibir o que legalmente lles corresponde.
👉 Esiximos que a Fiscalía actúe dunha vez con contundencia e celeridade contra o alcalde de Ourense, poñendo fin a unha situación insostible que atenta contra os dereitos laborais dos bombeiros e contra o principio básico de respecto ás resolucións xudiciais.
Ourense necesita un Concello que cumpra a lei, que respecte aos seus traballadores e que dea prioridade ao benestar da cidadanía por riba dos caprichos persoais do seu rexedor.

