Podemos Ourense acaba de ver anunciado nas redes sociais do Alcalde que o goberno municipal pretende aprobar esta semana modificacións de crédito por 6,7 millóns de euros. Todo indica que sairán adiante grazas ao apoio dos grupos que o sustentan, reproducindo unha xestión baseada en parches, improvisación e ausencia total de planificación.
A previsíbel aprobación destas modificacións volve evidenciar o servilismo político que mantén o caciquismo na institución, onde as decisións se toman sen criterio técnico nin respecto polo interese xeral. O máis escandaloso é a partida de 2.500.000 euros para novos autobuses, mentres a frota de ‘autobusiños’ continúa parada e sen uso, convertida nun símbolo do despilfarro na xestión do transporte público. Antes de endebedar máis á cidade, o Concello debería pór en marcha o material xa adquirido.
A isto engádese a indefinición sobre os 700.000 euros para festexos, unha partida que o goberno intenta equiparar con “cultura” mentres ten desmantelados servizos culturais básicos: o Museo Municipal continúa pechado ao público e outros recursos seguen abandonados. Comparar orquestras e atraccións con verdadeira cultura é unha burla á cidadanía.
Agardamos que, nesta ocasión, os partidos con representación no Pleno actúen con responsabilidade e poñan por diante o interese da cidade. É o momento de dicir non ás novas ocorrencias do Alcalde, cuxo comportamento nas últimas semanas inclúe ataques inxustificables contra a clase traballadora da Praza de Abastos. A Corporación ten agora a oportunidade de demostrar que está ao servizo da veciñanza e non das improvisacións dun goberno instalado na confrontación e no disparate.
Podemos Ourense reclama responsabilidade, coherencia e unha xestión que priorice o interese común fronte ás ocorrencias financiadas a golpe de modificación de crédito.



