HomeOurensePodemos Ourense denuncia que o Concello incumpre a normativa autonómica e ignora...

Podemos Ourense denuncia que o Concello incumpre a normativa autonómica e ignora un requirimento formal sobre o regulamento da Policía Local

- Anuncio -spot_img

Desde Podemos Ourense vimos de denunciar que o Concello de Ourense incumpre de maneira clara e continuada o Decreto 15/2023 da Xunta de Galicia, ao non aprobar nin adaptar o Regulamento de organización e funcionamento da Policía Local, malia ter rematado xa o prazo legal de dous anos establecido pola normativa autonómica.

O Decreto 15/2023, que desenvolve a Lei 4/2007 de coordinación das policías locais de Galicia, entrou en vigor en marzo de 2023 e fixaba un prazo máximo de dous anos para que todos os concellos galegos aprobasen ou adaptasen o seu regulamento interno da Policía Local. Ese prazo expirou en marzo de 2025, sen que o Concello de Ourense teña cumprido coa súa obriga.

Desde Podemos Ourense queremos lembrar que hai xa un mes presentamos un escrito formal dirixido ao Concello de Ourense, requirindo expresamente a aprobación do devandito regulamento e advertindo do incumprimento do prazo legal. A día de hoxe, o goberno municipal non deu resposta ningunha nin adoptou medida coñecida algunha, incorrendo nunha situación de inactividade administrativa manifesta.

Esta falta de actuación supón é unha grave quebra da legalidade, que xera inseguridade xurídica tanto no funcionamento interno do corpo da Policía Local como na prestación dun servizo público esencial para a cidadanía.

O noso portavoz, Francisco Diéguez, foi especialmente contundente na reunión de onte: “Non só é que o Concello estea incumprindo un decreto autonómico desde marzo; é que nin sequera responde cando se lle require formalmente que cumpra a lei. Este silencio administrativo é unha mostra clara de desprezo polas obrigas legais e pola cidadanía.”
Ademáis Diéguez engadiu que: “Estamos a falar dun regulamento básico para garantir unha Policía Local organizada, transparente e con seguridade xurídica. Que Ourense siga sen el por pura deixadez política é absolutamente inadmisible.”

Ante esta situación, Podemos Ourense anuncia a presentación formal de escritos tanto ante a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia como ante o Valedor do Pobo, co obxectivo de que se actúe fronte ao incumprimento do Concello e se lle requira de maneira inmediata a aprobación do Regulamento de organización e funcionamento da Policía Local.

O noso voceiro subliñou que non se trata dun debate político nin ideolóxico, senón do cumprimento estrito da legalidade:
“Cando un concello ignora durante meses unha obriga legal e cala ante un requirimento formal, o problema xa non é político: é institucional e democrático”, concluíu.

Publicacións Relacionadas