HomeOurenseOurensePodemos Ourense denuncia un ano de incumprimento legal do goberno de Jácome...

Podemos Ourense denuncia un ano de incumprimento legal do goberno de Jácome e esixe respecto ás institucións e á legalidade

- Anuncio -spot_img

Podemos Ourense quere manifestar a súa profunda preocupación ante a reiterada actitude do goberno municipal encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, que volve situar ao Concello de Ourense no centro da polémica institucional e xurídica.

No día de hoxe coñeceuse que o goberno municipal tivo que recuar no seu intento de desaloxo dos praceiros da Praza de Abastos de Ourense, despois de que a xustiza frease cautelarmente a medida. Este novo episodio evidencia, unha vez máis, unha forma de gobernar baseada en decisións improvisadas e no choque permanente coa legalidade.

A esta situación súmase un feito especialmente grave: o Concello de Ourense leva máis dun ano incumprindo a lexislación vixente ao non aprobar o regulamento da Policía Local, unha obriga legal que afecta directamente ao funcionamento do corpo e á seguridade xurídica dos seus axentes.

Neste sentido, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia comunicou ao portavoz de Podemos Ourense que esta situación debe ser corrixida polo goberno municipal.

Así mesmo, o Valedor do Pobo decidiu admitir a trámite a solicitude presentada polo portavoz de Podemos Ourense para analizar esta irregularidade, o que confirma a relevancia e gravidade do asunto exposto.

Desde Podemos Ourense queremos subliñar que esta iniciativa non responde a ningún interese partidista, senón á ‘’defensa do correcto funcionamento das institucións públicas, dos dereitos da Policía Local e dos intereses de toda a cidadanía de Ourense’’ afirmou o noso Portavoz Francisco Diéguez.

Asimesmo, Diéguez sinalou que ‘’non é aceptable que o goberno municipal leve máis dun ano sen cumprir unha lei vixente mentres se suceden conflitos institucionais e decisións que acaban sendo corrixidas polos tribunais’’.

Unha cidade non pode permitirse un goberno que actúe á marxe das normas que está obrigado a cumprir. As institucións deben ser exemplo de respecto á legalidade e de responsabilidade pública.

Por iso, desde Podemos Ourense esiximos ao goberno municipal que ‘’abandone a política de confrontación permanente, cumpra a lei e proceda de maneira inmediata á aprobación do regulamento da Policía Local’’, garantindo así seguridade xurídica, estabilidade institucional e respecto aos dereitos dos traballadores públicos.

Neste sentido, o noso portavoz quixo lanzar tamén unha mensaxe de cara ao futuro político da cidade: ‘’Ourense necesita unha nova etapa política baseada no respecto á lei, na estabilidade institucional e no sentido común. En 2027, cando Podemos chegue ao pleno do Concello, este tipo de actuacións, improvisacións e auténticas tolemias políticas chegarán ao seu fin’’.
Podemos Ourense continuará empregando todas as vías institucionais e legais ao seu alcance para defender o interese xeral da cidade e o respecto á legalidade democrática.

Publicacións Relacionadas