Desde Podemos Ourense vimos de presentar un requirimento formal ao Concello instando ao alcalde a iniciar o proceso de remunicipalización do servizo de autobuses urbanos, hoxe en mans dunha concesión privada que leva anos acumulando deficiencias graves.
Consideramos que a xestión pública directa é a única vía para garantir un transporte urbano de calidade, con liñas ben deseñadas, horarios coherentes e condicións laborais xustas para os condutores e condutoras. Ademais, propoñemos que o Concello contrate ao persoal actual, preservando os seus postos de traballo e a experiencia acumulada no servizo.
Tamén reclamamos a creación dunha mesa aberta e participativa, na que estean presentes todos os grupos políticos municipais, as asociacións veciñais, sindicatos e a cidadanía interesada, co obxectivo de redeseñar o sistema de liñas e horarios desde criterios de utilidade pública e sustentabilidade.
Asimesmo, o noso portavoz Francisco Diéguez subliñou ante o Consello Municipal de Coordinación ademais que o Concello debe garantir un servizo público de transporte digno e accesible para toda a cidadanía, incrementando as frecuencias e conexións entre barrios, e ampliando a gratuidade do autobús urbano aos menores de 16 anos, dado que moitos nenos e mozas da cidade dependen do transporte público para acudir a colexios e institutos.
Por último queremos amosar a nosa máis dura crítica contra a inacción do PSOE e do BNG, que no pleno do pasado venres 7 de novembro evitaron instar ao alcalde a avanzar cara á remunicipalización. “Resulta incomprensible que quen se di progresista non apoie unha medida que combina xustiza social, defensa dos servizos públicos e compromiso co medio ambiente”, afirmou Francisco Diéguez.
“Ourense merece un transporte público xestionado polo público, transparente, moderno, pensado para as persoas e accesible para a mocidade. Non se pode seguir mantendo un modelo privatizado e fracasado”, concluiu Diéguez.



