Nos últimos días e semanas, Galicia leva rexistrando precipitacións continuas, ata o punto de que a terra non é capaz de asimilar máis auga.
Con todo, esta abundancia de choiva non será suficiente para garantir a seguridade fronte aos incendios no verán se a Xunta de Galicia non adopta as medidas e accións legais necesarias para a prevención.
Desde Podemos Ourense denunciamos que moitos concellos galegos carecen de recursos humanos, materiais e financeiros suficientes para realizar de maneira efectiva a revisión e limpeza das fincas e parcelas susceptibles de risco de incendio, comprometendo a protección dos núcleos habitados e a seguridade da poboación. Esta situación pon en evidencia a necesidade dunha coordinación efectiva e dunha asignación de responsabilidades que permita a prevención integral dos incendios.
Por iso, presentamos unha proposta de emenda ao artigo 22 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, para que sexa a Xunta de Galicia a encargada de dispoñer os medios necesarios, persoal especializado e equipamento
adecuado, para levar a cabo estas inspeccións e, se fose preciso, executar as limpezas correspondentes. Os custos derivados poderán ser repercutidos aos titulares das parcelas segundo o procedemento legal establecido.
Segundo o noso portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, “A prevención dos incendios non pode depender da capacidade de cada concello; é responsabilidade da administración autonómica garantir a seguridade de todos os galegos e galegas. Mesmo coas choivas recentes, se a Xunta non toma medidas efectivas, estamos ante un verán de alto risco, e a poboación seguirá exposta a perigos que se poderían evitar.”
A proposta tamén contempla:
- A coordinación estreita entre a Xunta e os concellos para optimizar os recursos e a supervisión das parcelas de risco.
- Establecemento de protocolos claros de comunicación cos propietarios das fincas para garantir transparencia e cumprimento efectivo da lei.
- Inspección e limpeza regular, sistemática e documentada das parcelas de risco, especialmente nos concellos de menor tamaño, onde a capacidade municipal é máis limitada.
Ademais, Francisco Diéguez anunciou que a través dos próximos meses irá presentando un conxunto de medidas e propostas en materia de medioambiente e prevención de incendios, co obxectivo de contribuír á seguridade da poboación, á protección do patrimonio natural e á mitigación do risco de incendios en Galicia. - Esta iniciativa a enmarcamos nunha política integral de prevención de incendios, que combina actuacións directas sobre o territorio, sensibilización cidadá, reforzo das brigadas de extinción e vixilancia activa. Desde Podemos Ourense queremos remarcar que só con unha planificación coordinada e unha acción efectiva por parte da Xunta de Galicia se poderá protexer de verdade á poboación, aos bens e ao patrimonio natural de Galicia ante a crecente ameaza dos incendios forestais.
“Sen accións concretas e efectivas, corremos o risco de que o verán sexa, de novo, de alto perigo para Galicia e para o resto da nación” subliñou Francisco Diéguez.



