Podemos Ourense insta ao concello a solicitar a declaración de zona de mercado  residencial tensionado 

adminON
Lectura mínima de 2

O grupo político Podemos Ourense vén de solicitar oficialmente ao concello a elaboración  dun informe que avalíe a situación da vivenda na cidade, co obxectivo de que a Xunta de  Galicia poida declarar Ourense como zona de mercado residencial tensionado, conforme  á Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda.  

A petición fundaméntase na crecente dificultade para acceder a unha vivenda en  Ourense, onde os prezos do alugueiro aumentaron un 8,7% nos últimos tres anos,  superando o crecemento do IPC autonómico. Ademais, a porcentaxe de ingresos  destinada ao alugueiro na cidade alcanza o 55,4%, unha cifra superior á media estatal do  52,9%, a pesar de que os ingresos en Ourense (1.221 euros mensuais) son  considerablemente inferiores á media española (1.987 euros).  

Se o informe confirma que Ourense cumpre os requisitos establecidos na lei, a súa  declaración como zona tensionada permitiría aplicar medidas que limitarían a escalada  dos prezos do alugueiro. Entre estas medidas inclúense a aplicación dun índice de  referencia para os prezos, bonificacións fiscais para propietarios que rebaixen as rendas e  incentivos para contratos de longa duración.  

Podemos Ourense destaca a necesidade de actuar con urxencia para garantir que o  dereito á vivenda non se converta nun privilexio e solicita ao concello que inicie os  trámites necesarios para que a Xunta de Galicia poida tomar as medidas pertinentes en  defensa dos dereitos da cidadanía.

Comparte este artigo