O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, asistiu na xornada de hoxe á concentración convocada polas propias veciñas e veciños da Avenida de Portugal en resposta á paralización das obras, unha situación que está a xerar un importante malestar entre a veciñanza e o tecido comercial da zona.
Durante a mobilización, Diéguez destacou que a concentración “non foi só unha mostra de protesta, senón tamén un espazo no que se escoitaron proclamas con propostas e solucións concretas por parte das veciñas e veciños, que están a sufrir as consecuencias dunha xestión deficiente”.
Neste sentido, sinalou que “o que se viu hoxe na Avenida de Portugal é o reflexo claro do hartazgo acumulado durante meses. Falamos de persoas que ven afectada a súa vida diaria e de comerciantes que están a asumir perdas económicas importantes sen respostas eficaces por parte do Concello”.
Desde Podemos Ourense queremos trasladar publicamente a nosa solidariedade con todas as persoas afectadas por esta situación, facendo fincapé na necesidade de actuar con responsabilidade institucional.
“O noso apoio é total ás veciñas, veciños e comerciantes. Non poden seguir sendo os grandes prexudicados dunha mala planificación e dunha xestión errática. Merecen solucións inmediatas e claras”, afirmou o portavoz.
Diéguez tamén quixo dirixirse ao papel do resto de forzas políticas municipais: “Resulta chamativo que agora PP, PSOE e BNG leven días enchendo redes e medios con críticas á situación, cando levan anos permitindo, por acción ou por omisión, que esta cidade estea sometida a unha deriva constante. Semella que, de súpeto, descubriron o problema… e non é casualidade que as municipais estean á volta da esquina”.
Nesa liña, engadiu que “como portavoz, pero tamén como cidadán de Ourense, pregúntome canto máis tempo temos que seguir aguantando esta situación e, sobre todo, canto máis tempo van permitir PP, PSOE e BNG que Jácome continúe á fronte do Concello por puro interese partidista. A cidadanía non pode seguir pagando as súas estratexias”.
Por último, Diéguez instou ao Concello de Ourense, por requeriemento, a empregar todos os mecanismos democráticos ao seu alcance para desbloquear a situación: “Agardamos que o Concello deixe de lado a inacción e utilice todas as ferramentas democráticas dispoñibles para dar unha saída a este problema. A cidadanía xa falou alto e claro: quere solucións, non máis excusas”.
Desde Podemos Ourense reiteramos o noso compromiso de seguir ao lado da veciñanza e de esixir responsabilidades políticas ante unha situación que consideran insostible.



