Desde Podemos Ourense mostramos a nosa profunda preocupación pola atención á cidadanía e o sentimento de seguridade na nosa cidade. A realidade que nos trasladan os veciños e veciñas, non só do centro urbano senón tamén de barrios como Seixalbo, Untes ou Velle, é clara: necesitamos máis presenza e proximidade da Policía Local.
Por iso, desde o grupo solicitamos ao Concello que as patrullas rurais volvan ás súas rutas habituais polos barrios periféricos, garantindo así unha maior prevención e capacidade de resposta ante posibles incidencias.
Do mesmo xeito, consideramos imprescindible que a Comisaría da Policía Local dispoña dun axente ou administrativo de forma continua, en quendas rotatorias, que permita atención presencial 24 horas. A día de hoxe, cando a comisaría se atopa sen persoal, é preciso enviar unha patrulla para atender á veciñanza, o que implica deixar unha zona desatendida e reducir a capacidade de resposta en situacións de emerxencia.
Isto é algo que a cidade non pode permitirse.
Francisco Diéguez, portavoz de Podemos Ourense, declarou que “a seguridade cidadá non pode depender do azar nin do horario. A veciñanza merece saber que, se precisa axuda, a cidade está preparada para responder. Non é só unha cuestión operativa, é tamén unha cuestión de dignidade e confianza institucional”.
Engadiu ademais que “a presenza policial nos barrios é clave para previr conflitos, mellorar a convivencia e facer que a cidadanía se sinta acompañada e escoitada”.
Desde Podemos Ourense defendemos unha Ourense máis segura, próxima e accesible para todas as persoas. A seguridade non pode ser un luxo, senón un dereito. Pedimos compromiso, planificación e vontade política para mellorar o servizo e reforzar a confianza veciñal.



