HomeOurensePodemos Ourense reclama protección real para o profesorado ante o aumento da...

Podemos Ourense reclama protección real para o profesorado ante o aumento da presión e cuestionamento por parte dalgunhas familias

- Anuncio -spot_img

Podemos Ourense manifesta, como xa fixo a semana pasada, a súa profunda preocupación polos feitos coñecidos nos últimos días, nos que unha docente de matemáticas dun centro educativo da cidade denunciou unha situación continuada de presión, hostigamento e cuestionamento profesional por parte de familiares dun alumno, situación que tería derivado na súa baixa médica.

Desde a organización queremos trasladar todo o noso apoio á profesora afectada e, por extensión, a todo o profesorado que, no exercicio das súas funcións, se ve sometido a dinámicas de presión inxustificadas que poñen en risco tanto a súa saúde como a calidade do sistema educativo.

O portavoz de Podemos Ourense, Francisco Diéguez, sinala que “non podemos permitir que o exercicio da función docente se vexa condicionado por campañas de presión. Avaliar forma parte da nosa responsabilidade como mestres e mestras, e cuestionar iso desde o acoso ou a intimidación é cruzar unha liña moi perigosa. Resulta especialmente grave que, ante unha situación desta natureza, nin o conselleiro Román Rodríguez González nin o director territorial en Ourense, Jorge Rubén Sampedro Grande, se teñan posicionado publicamente do lado da profesora nin teñan adoptado medidas claras para protexela”.

Diéguez engade que “o que está en xogo non é só un caso concreto, senón o respecto ao conxunto da profesión docente. A falta de resposta institucional e a xestión insuficiente desta situación trasladan unha mensaxe perigosa: que o profesorado pode quedar desamparado ante campañas de presión. Se normalizamos isto, estaremos debilitando a escola pública desde dentro”.

Desde Podemos Ourense consideramos imprescindible abrir un debate serio sobre os límites da participación das familias na vida educativa, garantindo sempre canles formais e respectuosas, pero evitando calquera forma de presión ou sinalamento público. Neste sentido, a formación vén de presentar unha solicitude formal dirixida á Consellería de Educación para coñecer en detalle as medidas de protección ao profesorado e as actuacións concretas que se están a levar a cabo na provincia de Ourense por parte da dirección territorial de educación.

Así mesmo, o noso portavoz esixe á Xunta de Galicia que actúe con contundencia e estableza mecanismos reais de protección do profesorado ante este tipo de situacións.

Publicacións Relacionadas