HomeOurenseOurensePodemos Ourense solidarízase coas veciñas, veciños e co pequeno comercio da Avenida...

Podemos Ourense solidarízase coas veciñas, veciños e co pequeno comercio da Avenida de Portugal e esixe responsabilidades políticas pola parálise das obras

- Anuncio -spot_img

Desde Podemos Ourense queremos trasladar publicamente a nosa solidariedade coas veciñas e veciños do barrio do Couto e co pequeno comercio da Avenida de Portugal, que levan meses soportando as consecuencias dunha obra mal planificada e dunha xestión municipal que está a converter unha das principais arterias da cidade nun auténtico problema para a vida diaria do barrio.

A recente paralización das obras agrava unha situación que xa era insostible. A empresa adxudicataria decidiu deter os traballos tras acumular tres meses sen cobrar por parte do Concello, algo que fai “inviable manter financeiramente o proxecto”, segundo explicou a propia construtora.

Esta situación deixa a avenida nun estado de abandono que afecta directamente a miles de persoas: estímase que case 9.000 veciños e arredor de 70 negocios están a sufrir as consecuencias desta situación, cunha rúa parcialmente levantada, problemas de mobilidade e importantes perdas económicas para o comercio local.

Desde Podemos consideramos que estamos ante un novo exemplo do caos e da improvisación que caracterizan a xestión do goberno municipal, que prometeu unha transformación histórica para o barrio e acabou convertendo a avenida nun símbolo máis da parálise administrativa que vive a cidade.

O noso portavoz, Francisco Diéguez, que ademais é veciño da zona e sofre persoalmente as consecuencias destas obras, quixo tamén denunciar a situación: “O que está a pasar na Avenida de Portugal é un auténtico despropósito. Non falamos só dunha obra mal xestionada, falamos da vida diaria de miles de persoas que teñen que entrar nas súas casas entre valados, terra e máquinas paradas”.
Diéguez lembrou que esta situación afecta directamente ao día a día das familias, das persoas maiores e do comercio de proximidade, que leva meses vendo como as obras dificultan o acceso aos seus negocios e reducen a actividade económica.
“Eu mesmo, como veciño, vexo cada día o enfado e a frustración da xente. Hai negocios que están a sufrir perdas importantes e familias que levan demasiado tempo convivindo con ruído, barro e accesos complicados. Isto non é serio para unha cidade como Ourense”.

Ao mesmo tempo, desde Podemos Ourense criticamos a actitude do PP, PSOE e BNG, que nos últimos días enchen as redes sociais de vídeos e declaracións denunciando esta situación.
“É certo que a xestión do Concello é penosa, pero tamén hai que dicir a verdade: a situación actual mantense porque eles queren. Se realmente consideran que isto é insostible, teñen instrumentos políticos para cambialo”.

Neste sentido, Diéguez lembrou que Podemos Ourense puxo enriba da mesa a necesidade dunha moción de censura contra o alcalde como única vía para desbloquear a situación política da cidade.
“Ourense non precisa máis vídeos nin máis indignación en redes sociais. O que precisa son decisións políticas. Se PP, PSOE e BNG cren que a situación é tan grave como din, teñen que actuar. Menos hipocrisía e máis eficacia”.

A cidade non pode seguir paralizada por cálculos partidistas, mentres os barrios e o comercio pagan as consecuencias dunha xestión que consideran irresponsable.
“As veciñas da Avenida de Portugal merecen solucións e merecen respecto. Non poden seguir sendo vítimas dun espectáculo político permanente mentres a súa rúa continúa levantada e sen horizonte claro de finalización”.
Reiteramos o noso apoio ás persoas afectadas e reclamando responsabilidade política inmediata para poñer fin a esta situación que xa dura demasiado tempo.

Publicacións Relacionadas