A poboación non debe realizar ningunha acción especial cando as oia e pode continuar normalmente coas súas actividades
O martes, 17 de xuño, e mércores, 18, terán lugar as probas de sirenas dos Plans de Emerxencia das Presas (PEP) de San Pedro, Os Peares e Velle. O seu son será percibido en diferentes zonas da cidade, mais a poboación non debe realizar ningunha acción especial cando as escoite e poderá continuar normalmente coas súas actividades.
Concretamente, o martes, 17 pola mañá efectuaranse as probas das presas dos Peares e Velle. As sirenas dos Peares faranse soar a partir das 9.00 h e serán audibles principalmente en Velle e no Polígono das Coiñás – O Vinteún. Desde as 17.00 horas, realizarase a proba da presa de Velle, que afectará a máis poboación e escoitarase en diferentes zonas da cidade, xa que hai sirenas en 10 emprazamentos diferentes: Velle, Parque Loña, As Lagoas, Paseo das Ninfas, Avilés de Taramancos, Manuel Murguía, Reza, O Pino, Termas de Outariz e Untes.
O mércores, 18 de xuño, pola mañá realizaranse as probas da presa de San Pedro. Neste caso, as sirenas soarán desde as 10.40 h e afectarán ao Polígono das Coiñás e á parroquia de Velle.
As probas forman parte das accións encamiñadas á implantación dos Plans de Emerxencia das Presas hidráulicas que todos os anos levan a cabo Protección Civil da Subdelegación do Goberno en Ourense, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.