As persoas interesadas poden realizar até o 9 de xaneiro as súas achegas, que serán doadas a diferentes organizacións sociais
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ourense organiza un ano máis a tradicional Campaña de Nadal de Recollida de alimentos e xoguetes, que chega á súa edición número 30. O salón de plenos foi escenario da presentación desta iniciativa solidaria, nun acto no que participaron o coordinador, Juan Carlos González e integrantes da agrupación de voluntarios, xunto co tenente de alcalde, Aníbal Pereira, a concelleira Ana Fernández e representantes das entidades que participan.
A campaña estará en marcha até o día 9 de xaneiro e as persoas interesadas poden realizar as súas achegas nos numerosos puntos de recollida establecidos (en supermercados, colexios, institutos, centro comercial, farmacias, Pavillón, ximnasios e equipos deportivos, entre outras localizacións) ou chamar ao número de teléfono 616908507. As persoas que o desexen tamén poden colaborar como voluntarias, achegándose ao local da campaña, xunto ao Auditorio Municipal, na antiga sede do Festival de Cine.
A campaña de recollida dará apoio a Cáritas Inmaculada Montealegre, Cáritas UAP Madre Teresa, Cáritas Santa Teresita, Sulam Hashamaim, Compartir Ourense e Dahira Ikhsan Ourense, entre outras entidades. A organización realizará dúas grandes entregas dos materiais obtidos: a primeira o día 22 para o Nadal e a segunda, antes do 5 de xaneiro, para a festividade de Reis.



