HomeOurenseOurenseRelación de acordos da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense...

Relación de acordos da Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense – 9 de febreiro de 2023

- Anuncio -spot_img

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, reunida esta mañá no salón de plenos, tratou 25 asuntos na súa sesión ordinaria desta semana:

Licenzas (2). Concedéronse licenzas para a instalación de dous ascensores: no CEIP Manuel Luís Acuña e nun edificio da rúa Cabeza de Manzaneda.

Patrimonio (4). O Concello solicitará, en senllas reclamacións de responsabilidade patrimonial, 93,43 euros polos danos causados por particulares en sinais verticais de tráfico nas rúas Pablo Iglesias e Serra do Faro. Por outra banda, inadmítese unha reclamación polas lesións producidas como consecuencia dunha caída na rúa, por ter prescrito o dereito para facelo. Finalmente, estima a reclamación presentada por un veciño, ao que se lle deberán aboar 727,22 euros en concepto de danos provocados no seu vehículo por culpa dunha focha na calzada da Avenida de Portugal.

Contratación (4). Excluíuse a oferta presentada por unha mercantil para a instalación de sinais luminosos nos pasos de cebra porque a oferta presentada era demasiado baixa e non quedaba acreditada a súa viabilidade.

Por outra banda, aprobouse a a prórroga, por dous anos, do contrato de subministración e renovación e mantemento das aplicacións das áreas de Economía e Estatística.

Finalmente, deuse conta de correccións de erro en dous expedientes de contratación para as obras de mellora da seguridade peonil mediante pasos de peóns elevados e para as obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na contorna da praza das Mercedes e en Arturo Pérez Serantes. En ambos os casos, non estaba identificado o documento de retención de crédito con cargo ao que se autoriza o gasto.

Educación (1). Aprobáronse as bases da convocatoria do XIV Certame Internacional de Cinema Escolar OUFF Escola 2023, que terá un orzamento de 3.000 euros.

Medio Ambiente (1). Disporanse 500 euros para cumprir cunha sanción imposta pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Recursos Humanos (2). Co gallo de cumprir dúas sentenzas, libéranse 700 e 729,73 euros respectivamente.

Servizos Xerais (1). Dispóñense 2.230,16 euros para o pagamento de catro mensualidades (de outubro do 22 a xaneiro do 23) do contrato de alugueiro do edificio destinado ás agrupacións sindicais.

Avogacía Consistorial (10). O Concello deberá comparecer, en calidade de demandado, en tres procedementos xudiciais: dous deles para reclamar abonos de diferencias salariais por parte de traballadores municipais; o terceiro, un recurso interposto contra unha sanción de 1.000 euros e retirada de 6 puntos do permiso de conducir.

A Xunta de Goberno deu conta, ademais, de cinco sentenzas:

  • O Contencioso -Administrativo 2 de Ourense desestima a petición dun traballador municipal a percibir os pluses correspondentes ao seu posto de traballo -complemento específico e complemento de destino, diferenza da paga extraordinaria, así como horas traballadas en noites e festivos- no seu período de prácticas como Policía Local.
  • A segunda estima parcialmente un recurso no que se pide limpar unhas fincas limítrofes para evitar a propagación do lume en caso de incendio. O Concello deberá obrigar os propietarios das parcelas a facelo e, no seu caso, actuar subsidiariamente.
  • Outra sentenza estima parcialmente o recurso dun promotor urbanístico e ordena que se retrotraia o procedemento de reposición da legalidade urbanística ao momento anterior a ditar a resolución, de modo que se verifique se as obras son susceptibles de legalización ou non e, en base a iso, o Concello lle requira ao interesado a solicitude da oportuna licenza e ordene a demolición daquelas obras que non sexan susceptibles de legalización.
  • Outra das sentenzas estima o recurso interposto en relación á reclamación de 7.484,33 euros derivados dun mobiliario vendido ao Obradoiro Termal do Miño.
  • O Xulgado estimou parcialmente o recurso dunha veciña que reclamaba unha responsabilidade patrimonial polos danos no seu vehículo provocados por un contedor de lixo. Como queira que a demandante estacionara nun lugar indebido, o Concello só deberá achegar a metade do solicitado: 419,76 euros.

Ademais, notificouse un auto do Contencioso Administrativo 1 no que se require o Concello para que proceda a reparar as orixes dunhas filtracións nos garaxes dun edificio.

Finalmente, o Xulgado decreta o desistimento dunha mercantil do recurso interposto nun asunto de reposición de legalidade urbanística -exercer sen licenza-.

Publicacións Relacionadas