A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, celebrada esta mañá no salón de plenos, deu conta de 14 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.
Licenzas (5). Concedéronse licenzas para a reforma e / ou construción de vivendas unifamiliares nas áreas de Regueiro Fozado, A Rabaza, Os Arrieiros e Seixalbo. Ademais, rectificouse un erro na redacción dun acordo de Xunta de Goberno Local de maio de 2022.
Contratación (1). Acéptase parcialmente a solicitude formulada pola empresa responsable dunha concesión municipal na zona termal da cidade, e recoñécese a situación de desequilibrio económico con motivo do peche total das instalacións entre o 13 de marzo e o 29 de maio 2020 por mor da Covid-19. Por tal motivo, aplícaselle un desconto no canon por importe de 4.219,17 euros con carácter retroactivo para o ano 2020.
Patrimonio (3). Estímanse as reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas por tres particulares polos danos ocasionados nos seus respectivos vehículos polo mal estado do firme na avenida de Portugal -por valor de 350,06 euros, o primeiro, e de 89,24 euros, o segundo- e no Paseo da Lontreira -420,98 euros-.
Asuntos Sociais (1). Reponse un crédito de 67.102,55 euros, aprobado no exercicio de 2022, para o contrato do servizo de Conserxería dos Centros Cívicos dependentes do Concello de Ourense.
Xestión Económica e Orzamentaria (1). Rectifícase un erro de redacción nun acordo da Xunta de Goberno Local do mes de febreiro.
Avogacía Consistorial (3). O Concello deberá presentarse, en calidade de prexudicado, para valorar os danos provocados por un vehículo contra unha árbore á altura do 116 da avenida de Zamora. O valor é de 355,28 euros.
Ademais, coñecéronse dúas sentenzas do Contencioso – Administrativo 1: a primeira estima o recurso promovido pola empresa Valoriza Servicios Medioambientales S.A., que lle reclama ao Concello o pagamento dos servizos de mantemento e mellora das zonas verdes públicas por importe de 55.210,33 euros máis os xuros de demora. A segunda desestima as alegacións formuladas por un particular, que deberá aboar os 200 euros da sanción importa por estacionar nun lugar prohibido.



