Na sesión ordinaria, celebrada esta mañá, probáronse as bases da 7ª edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera 2023, que terá lugar do 21 de abril ao 1 de maio de 2023
Nunha segunda sesión, extraordinaria, abordouse a sentenza do TSXG sobre a praza de San Antonio
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense, reunida esta mañá no salón de plenos , deu conta de 29 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais. Entre elas, cómpre salientar a aprobación das bases da 7ª edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera 2023, que terá lugar do 21 de abril ao 1 de maio de 2023, ambos incluídos.
Avogacía consistorial (6). Coñecéronse cinco sentenzas e unha comparecencia, esta última en calidade de demandado nun procedemento relacionado co Tribunal Económico – Administrativo do Concello.
Sentenzas: Unha que desestima o recurso fronte a unha sanción de 200 euros por unha sanción de tráfico, que deberá ser aboada integramente. Outra desestima a petición dun particular contra unha decisión do Tribunal Económico – Administrativo do Concello. Tamén se desestimou un recurso contra a declaración de ruína e demolición dun inmoble, e declara que o Concello actuou conforme a dereito. Igual sorte correu o procedemento iniciado por unha mercantil nun suposto caso de discriminación na inserción de publicidade institucional.
A última sentenza, ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e relativa á praza de San Antonio, declara que o carácter demanial do chan foi declarado por varias sentenzas firmes.
A Asesoría Xurídica do Concello de Ourense propón non recorrer a sentenza da praza de San Antonio, coñecida hoxe na Xunta de Goberno Local, de acordo coas seguintes consideracións:
O carácter extraordinario do recurso de casación, que ten un trámite de admisión moi restritivo, esixe que o asunto teña interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia, e transcenda polo tanto do caso conreto para establecer unha interpretación das normas que o Tribunal entenda necesario corrixir ou conformar. E neste caso, á vista dos argumentos empregados na sentenza, enténdese que a maior parte das cuestións que resolve a sentenza son referidas ao caso concreto examinado, e sobre todo fundaméntase en anteriores sentenzas firmes nas que se declarou a demanialidade do subsolo, coa particularidade de que o propio Concello lle denegou a licenza dos locais á TEsoureiría Xeral da Seguridade Social emprazados en dito espazo, motivando a denegación en que afectaban o subsolo, e ter ese carácter demanial.
Por todo o exposto, e tendo en conta as escasas probabilidades de éxito do recurso, proponse non recorrer a mesma.
Turismo e Termalismo (1). Apróbanse as bases reguladoras da 7ª edición do Concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Primavera 2023, que terá lugar do 21 de abril ao 1 de maio de 2023, ambos incluídos.
Como novidades máis salientables, ningún pincho participante poderá ter un prezo de venda inferior aos 2,50 € nin superior aos 3,50 € (IVE incluído), e concederanse 3 premios do Xurado Profesional, 1 accésit do Xurado Profesional ao pincho máis creativo, 1 premio do Público e 1 premio Pincho Celíaco.
Licenzas (8). Concedéronse licenzas para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar; para a reforma da instalación eléctrica no Complexo de Menores de Montealegre; para a instalación dun ascensor para mellorar as condicións de accesibilidade a un edificio da rúa Hórreo; e para o cambio de uso de dúas prazas de aparcamento por dous rochos.
Ademais, levantouse a suspensión dun acordo de Xunta de Goberno de 2014 para legalizar as obras de remate dunha vivenda; corrixiuse unha errata na redacción do punto 11 da Xunta de Goberno do pasado 3 de marzo; declarouse innecesaria a concesión de licenza para a segregación de dúas parcelas; e, finalmente, denegouse a licenza para a remodelación dun andar para vivendas na rúa do Progreso.
Xestión urbanística (1). Desestimouse integramente a solicitude de recoñecer o dereito dunha comunidade de propietarios á equitativa distribución dis beneficios e cargas derivados do PGOU, polo que non se lles recoñece o dereito a indemnización algunha nin o dereito de pago de xustiprezo.
Patrimonio (10). Requíreselle a unha mercantil ao pago de 96,43 euros en concepto de indemnización polos danos causados nun sinal vertical; mesmo caso que a un particular, que deberá aboar 93,43 euros polos danos causados nun sinal entre as rúas Fonte do Pincho e Marcelo Macías.
Por outra banda, desestímanse senllas reclamacións de responsabilidade patrimonial polos danos ocasionados en vehículos polo mal estado do firme nao Camiño da Costa de Cudeiro e na rúa da Marquesa, respectivamente. Estímanse, porén, as reclamación de danos en senllos vehículos provocados por unha focha na Costiña de Canedo -.1.137,40 euros- e na avenida da Nosa Señora da Saínza -366,63 euros-.
No apartado de caídas, desestímanse as reclamacións de responsabilidade patrimonial polos danos causados logo dunha caída na rúa do Paseo, na rúa da Unión e na pasarela da avenida Otero Pedrayo, por non concorrer os requisitos legais que dan dereito a unha indemnización.
Finalmente, apróbase o gasto de 242 euros en concepto de costas procesuais.
Participación Cidadá (2). Resólvese o contrato de arrendamento do local da praza da Muiñeira 2, en favor da AVV Arranxar, e dos contratos de alugueiro da mesma asociación na rúa Camelias 20.
Prevención de Riscos Laborais (1). Apróbase a modificación di procedemento de prevención e actuación en materia de acoso no traballo para o persoal do Concello de Ourense e nos seus organismos autónomos.



