A comunidade venezolana galega reunirase este domingo en Ourense para celebrar a súa grande festa: a Feira da Chinita
O Concello coorganiza este actividade para potenciar a oferta festiva da cidade na fin de semana dos Magostos
O alcalde Pérez Jácome recibiu o equipo que traballa xunto co Concello na organización do evento, que reunirá música, gastronomía, concursos e outras actividades no Campo da Feira
A comunidade venezolana de Galicia reunirase este domingo na cidade de Ourense para celebrar a súa gran festa, a Feira da Chinita, que acada xa a súa sexta edición. O Concello coorganiza esta actividade para potenciar a oferta festiva da cidade durante a fin de semana dos Magostos. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello o equipo que traballa xunto co Concello na organización do evento, formado por Carmen Díaz, Antonio Álvarez e Jéssica Álvarez.
Desde as 12:00 até as 21:00h, no Campo da Feira desenvolveranse diferentes actividades: unha comida típica venezolana, música, coa actuación do grupo Los Coleguitas, e dos solistas Kisael Sánchez (ex Maracaibo 15) e Lesay Salazar, un DJ, un concurso de talento, a elección da Raíña da Chinita en Galicia 2022 e diferentes actividades para as crianzas.
A feira está aberta ao público en xeral, con entrada gratuíta. As persoas que se acheguen ao Campo da Feira poderán degustar os pratos máis representativos da gastronomía venezolana, como as arepas, as hallacas ou as cachapas, e coñecer un pouco máis a súa cultura e as súas tradicións. La Chinita é unha das máis populares celebracións de Venezuela e serve de prólogo ao Nadal
A festa de Ourense é a máis grande da comunidade venezolana en Galicia, e cada ano reúne público chegado das 4 provincias. Na actualidade residen en Ourense uns 6.000 venezolanos, aínda que a comunidade directamente vencellada a Venezuela é aínda maior, tendo en conta os emigrantes retornados e persoas nacidas en Venezuela que teñen nacionalidade española por seren descendentes de proxenitores do noso país.
Nota.- Para máis información sobre a Feira da Chinta podedes contactar con Jéssica Álvarez (697 178876), do equipo organizador
A Feira da Chinita completa a oferta festiva da fin de semana na cidade, que ten a súa cita central o venres, co Magosto de Ourense 2022, con este programa:
VENRES, 11 DE NOVEMBRO
12.00 h Ruada de gaiteiros e cabezudos
17:00 h Animación de rúa coa charanga Mekánica, nas rúas da zona histórica
18.00 h Magosto tradicional: Bolo preñado, auga ou viño por 1 € e castañas gratuítas, na Praza Maior
18.15 h Ruada de gaiteiros e cabezudos
19.00 h Concerto “Brañas Folk”, cos convidados: Orfeón Treixadura e Pancho Álvarez, na Praza Maior
20:00 h Espectáculo itinerante “Lume”, nas rúas da zona histórica
20:30 h Actuación de Bruxo Queiman co espectáculo Folki-Queiman, na Praza Maior
22:00 h a 00:00 h Animación de rúa coa charanga Támega, nas rúas da zona histórica
20.30 a 22.00 h e de 00.00 a 1.30 h Baile coa orquestra Panorama, na rúa do Progreso
SÁBADO, 12 DE NOVEMBRO
12.00 h Ruada da banda de gaitas da Carballeira, no Parque San Lázaro- rúa do Paseo- Praza Maior
13.00 h Concerto da Banda de gaitas da Carballeira, na Praza Maior



