Eu, Francisco González Diéguez, con DNI/NIE: e con enderezo en Gregorio Fernández, en nome de Podemos Ourense coma o seu voceiro, comparezo ante esta administración para EXPOR:
Que a situación actual da vivenda en Ourense presenta graves problemas de acceso para a cidadanía. Segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o prezo medio do alugueiro na comunidade superou os 550 euros mensuais en 2024, cun incremento do 7,35% respecto ao ano anterior e máis do 50% desde 2014. En Ourense, os prezos son especialmente elevados en relación cos ingresos da poboación, que oscila entre os 1.200-1.300 euros brutos mensuais.
Que, ademais, a elevada porcentaxe de vivendas baleiras na cidade, superior ao 22% segundo os datos do INE de 2021, evidencia que existen inmobles dispoñibles que, en lugar de destinarse a alugueiro residencial, están sendo acaparados por usos turísticos. Este fenómeno está a contribuír ao incremento dos prezos da vivenda e á dificultade para que a mocidade e familias poidan establecerse na cidade.
Que, conforme á lexislación autonómica vixente en materia de vivenda e ordenación urbanística, as licenzas para vivendas turísticas deben cumprir requisitos estritos para garantir que non se prexudique o acceso á vivenda habitual dos residentes. Neste sentido, é urxente que o Concello de Ourense realice unha revisión exhaustiva das licenzas concedidas para verificar o seu cumprimento normativo e evite novas concesións ata avaliar o impacto real deste tipo de aloxamentos no mercado inmobiliario local.
Por todo isto, SOLICITO:
1. Que non se concedan novas licenzas para vivendas turísticas en Ourense ata que se realice un estudo sobre o seu impacto na dispoñibilidade e prezo da vivenda habitual.
2. Que se revisen as licenzas xa concedidas para comprobar que cumpren estritamente a lexislación autonómica e municipal vixente.
3. Que o Concello adopte medidas para priorizar o alugueiro residencial fronte ao uso turístico, incentivando o alugueiro a longo prazo e garantindo o dereito á vivenda da cidadanía.