A candidata á alcaldía de Marín, Lucía Santos, afirmou que “Marín precisa, partindo da base da fidelidade á nosa identidade, á nosa historia e á nosa cultura, introducir un cambio de rumbo”
Celia García, candidata do BNG, engadiu que “o BNG quere erguer un novo Marín, mais quere facelo coa xente, cos veciños e veciñas de Marín.”
O BNG ven de facer público o lema co que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio: “UN NOVO MARÍN CONTIGO”.
A candidata á alcaldía de Marín, Lucía Santos, manifestou que “o lema resalta a necesidade de introducir o novo rumbo no noso concello para reverter a preocupante dinámica na que se atopa inmerso.”
Santos afirmou que “Marín precisa, partindo da base da fidelidade á nosa identidade, á nosa historia e á nosa cultura, introducir un cambio de rumbo que permita non só amortiguar a negativa tendencia que amosan todas as estatísticas dos últimos 12 anos, senón mirar con optimismo cara o futuro.”
Celia García, candidata do BNG, foi a responsábel de elaborar o logo e destacou que “o BNG construirá Un Novo Marín, un Marín moderno e dinámico que mire ao futuro e que ofreza alternativas aos nosos veciños e veciñas. Un Marín na vangarda dos concellos galegos.”
García engadiu que “o BNG quere erguer un novo Marín, mais quere facelo coa xente, cos veciños e veciñas de Marín. Por iso a palabra Contigo. Para o BNG o contacto coa veciñanza forma parte do seu ADN, polo que escoitar á xente e tela en conta é a base desde a que construír o Marín que merecemos.”