O presidente provincial destacou, tras coñecer o Santuario nunha ampla visita, “o labor social que aquí se realiza a prol dos máis vulnerables” e comprometeuse a colaborar desde a Deputación nesta tarefa
A Deputación de Ourense colabora nas obras de mantemento que se están a realizar no Santuario das Ermidas, no Bolo, un referente do patrimonio relixioso e cultural galego. O presidente provincial, Luis Menor, realizou hoxe unha ampla visita ao mesmo acompañado polo alcalde do Bolo, Miguel Ángel García; e o administrador diocesano da Diócese de Astorga, Francisco Javier Gay Alcain.
Na visita, realizada polo guía custodio do Santuario das Ermidas, José Vega e pola restauradora, Sofía Anta, o presidente provincial coñeceu ao detalle a historia deste lugar polo que pasan anualmente máis de 8.000 visitantes, sendo un dos principais recursos turísticos da zona.
Neste sentido, o presidente provincial destacou “o labor social que aquí se realiza a prol dos máis vulnerables” e comprometeuse a que, na medida das posibilidades da Deputación, continuarase a axudar na restauración cultural e monumental deste Santuario pero, sobre todo, “nese labor social tan necesaria de axudar a quen nos necesita”.
O Santuario das Ermidas ou “perla do barroco”, declarado Ben de Interese Cutlural, ten un incalculable valor “relixioso, cultural e histórico”, dixo Luis Menor, quen felicitou á Diocese por ser quen de manter este referente en tan bo estado e de convertelo tamén “no refuxio” de moitas persoas que atopan aquí “unha gran familia”.
Pola súa parte, o administrador diocesano de Astorga agradeceu, ao igual que o alcalde do Bolo, a visita e a colaboración da Deputación e dixo que este Santuario é “un centro cun valor relixioso e cultural impresionante, polo seu valor artístico e por atoparse neste enclave natural, capaz de aglutinar fe e cultura para todos”.
En canto ás obras de conservación, a restauradora Sofía Anta explicou que o Santuario se atopa “nun estado xeral aceptable” e que as intervencións que se están a realizar son en aspectos puntuais como limpeza, tratamentos, consolidación de elementos soltos, entre outros.