Da man da Deputación a través do Inorde, o territorio formado pola Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras presentou en Madrid cinco itinerarios enogastronómicos que conforman o gran itinerario, Camiño dás Viñas e Estrelas.
O presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, destacou que con estes paquetes buscan completar as ecoexperiencias creadas, facilitando a súa comercialización e posicionamento de Valdeorras como destino
O Xeodestino Trevinca-Valdeorras, foi un dos primeiros territorios que presentou as súas novidades turísticas na primeira das xornadas profesionais da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que comezou hoxe en Madrid. E fíxoo lanzando o seu novos cinco itinerarios enogastronómicos creados a partir das ecoexperiencias existentes e dos recursos turísticos do territorio.
Articulados como cinco propostas turísticas para descubrir o territorio ao longo de tres días e dúas noites de duración, os itinerarios constrúense como paquetes temáticos que se poden realizar de forma independente ou unir para realizalas como un Grand Tour do Xeodestino. Baixo o nome “Camiño dás Viñas e Estrelas”, o circuíto final pode realizarse entre 8 e 10 días como unha viaxe a través de viñedos, pobos e bosques milenarios do Xeodestino Valdeorras-Trevinca.
“Segredos e sabores do Sil”; “Entre viñas, covas e santuarios”; “Entre lagoas e ceos de Trevinca”; “Entre teixos e lousas” e “Con mel e viño anda calquera ou camiño”, son os cinco itinerarios presentados, que percorren de forma circular todo o xeodestino, desde O Barco – Sil – A Rúa, Petín, Vilamartín, Larouco/O Bolo – AVeiga – Casaio en Carballeda e Rubiá ata volver de novo ao Barco, a través dunhas temáticas ao redor das paisaxes do viño, o val e a montaña, os canóns calizos e de novo elrío, que facilita que o viaxeiro perciba o Camiño dás Viñas e Estrelas como o gran percorrido que é.
Nova canle de comercialización
Tal e como destacou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, “con estes itinerarios, ademais de conformar un relato estruturado do xeodestino, apostamos por desenvolver propostas que percorran todo o territorio e que faciliten a comercialización de todas as ecoexperiencias, integrando recursos de turismo gastronómico, deportivo, natural e patrimonial”.
Neste sentido, Rosendo Fernández aproveitou para agradecer a colaboración dos axentes turísticos da comarca para o desenvolvemento de todos estes produtos: “Con estes itinerarios pechamos o círculo do produto turístico, poñendo en valor os recursos, fomentando a creación de experiencias ao redor deles que nos axuden a posicionar o territorio e sumando agora unha canle de comercialización como é Escapada Rural para facilitar que o visitante acceda a estas propostas, e elixa Valdeorras como o seu próximo destino”.
Os cinco itinerarios cobren a totalidade do territorio do xeodestino, conformado polos concellos da Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras, combinando experiencias auténticas cunha viaxe pausada e un compoñente enogastronómico e patrimonial.
A través da plataforma de Escapada Rural, a principal especializada neste segmento en España, os visitantes poderán reservar os seus roteiros e planificar diferentes experiencias enogastronómicas que combinan adegas e produtores locais, diversos tipos de aloxamentos e restaurantes, sen esquecer os recursos únicos cos que conta o territorio, tanto paisaxísticos como naturais e patrimoniais, grazas ás súas covas, bancales, vales, montañas, bosques, lagoas ou parques naturais. De feito tras o lanzamento de Fitur comezará unha campaña de márketing en colaboración co portal para posicionar Trevinca-Valdeorras.



