O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo co rexedor desta localidade, Vicente Gómez
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde do Concello de Castrelo do Val, Vicente Gómez, para analizar o estado das actuacións realizadas pola Deputación nesta localidade e estudar novas liñas de colaboración centradas na mellora das infraestruturas públicas do municipio.
Manuel Baltar enmarcou esta xuntanza dentro da “dinámica de encontros periódicos do goberno provincial cos alcaldes ourensán, para avanzar no coñecemento das necesidades dos veciños e así poder deseñar e executar novas actuacións coas que mellorar o seu benestar”. A Deputación de Ourense, completa o presidente do goberno provincial, “sempre estará ao carón dos concellos para atender as súas demandas”.
Pola súa banda, o alcalde de Castrelo do Val agradeceu “a sempre atenta disposición da Deputación para levar a cabo novos proxectos que serían imposibles de realizar sen a colaboración entre administracións”.