O presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández, visitou hoxe a evolución da actuación incluída no Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal” e que supón un investimento estimado de 150.000 euros
O obxectivo desta obra é alumar augas susceptibles de ser posteriormente declaradas na condición mineiro-medicinal de uso terapéutico, para poder recuperar un uso histórico das mesmas
O presidente do Inorde e deputado provincial de Turismo, Rosendo Fernández, visitou hoxe en Verín as obras de sondaxe para a captación de augas subterráneas en Caldeliñas, que está a realizar a Deputación de Ourense no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en “Ourense Termal”. Este Plan execútase grazas a un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia.
O obxectivo desta obra, que supón un investimento estimado de 150.000 euros, é alumar augas susceptibles de ser posteriormente declaradas na condición mineiro-medicinal de uso terapéutico, para poder recuperar un uso histórico das mesmas que no seu día deron servizo á casa de baños de Caldeliñas (dotada de declaración histórica en 1850), hoxe propiedade do Concello de Verín e sen actividade desde hai décadas.
Con esta actuación, “pretendemos conseguir a Declaración de Auga Mineromedicinal e/o Termal para apoiar o desenvolvemento termal do municipio de Verín, un dos quince municipios incluídos no Plan”, explicou Rosendo Fernández. Isto facilitaría a súa posterior concesión de explotación para impulsar e atraer os investimentos necesarios para calquera aproveitamento termal futuro, creando emprego e fixando poboación no territorio.
Durante a visita, Rosendo Fernández estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o alcalde de Verín e a concelleiro de Turismo, Gerardo Seoane e Samanta Barreira, respectivamente; a xefa da área de Turismo Termal da Xunta, Belén Gómez e a xerente do Plan, Emma González.
O director facultativo da obra repasou os detalles destas actuacións e augura “un bo prognóstico” en base aos datos alcanzados durante o proceso de sondaxe. A máquina está a perforar a 100 metros xa de profundidade e ten autorización para chegar aos 200 metros. Ademais, brota auga permanentemente cunha temperatura de 25 graos que podería chegar ata un máximo de 29 graos.