O director de Turismo de Galicia e o delegado da Xunta en Ourense visitaron as instalacións deste centro incluído na Rede Pública de Albergues do Xacobeo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles visitou hoxe xunto o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron hoxe o novo albergue de Piñor, unha das últimas incorporacións á Rede Pública de Albergues do Xacobeo, que vén de incrementar a capacidade aloxativa na Vía da Prata.
Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia da posta en marcha desta infraestrutura para seguir diversificando o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios, de feito “esta ruta xacobea está medrando a un ritmo do 20% e se está especializando en peregrinos que veñen a cabalo”, expresou. Neste sentido, puxo de manifesto que o albergue responde a estas necesidades e explicou que o novo albergue conta con dous edificios que suman un total de 36 prazas, tres das cales están adaptadas para persoas con discapacidade e tamén un estabulo con 5 boxes e 3 cercados no exterior para garantir a atención e o descanso dos animais.
Así, no edificio principal sitúanse un total de 18 liteiras dobres con aseos, unha zona de recepción e atención ao peregrino, unha área de cociña e comedor, un dormitorio triple e baño adaptados para persoas con discapacidade e unha zona de lavandería e tendal. Segundo salientou o director de Turismo de Galicia, este albergue do Piñor súmase aos outros 14 situados ao longo de toda a Vía da Prata da Rede Pública de Albergues do Xacobeo, o que supón que oferta un total de 480 prazas neste itinerario xacobeo.
Xosé Merelles salientou ademais que a atención ao peregrino é un dos asuntos nos que traballa o Goberno galego polo que vén autorizar a licitación do novo contrato para o servizo de atención ao peregrino, limpeza e xestión de cobro nos albergues da Rede Pública de Albergues do Xacobeo e centros e puntos de información con vistas a estar preparados para o Xacobeo 27. A Xunta destina a este fin máis de 11,7M€ para os vindeiros dous anos. A empresa adxudicataria garantirá a atención ao peregrino, realizará o cobro pola estadía e atenderá os puntos de información que xestiona o Xacobeo. En total, ocuparase dos 79 albergues da rede pública.
Auxe da Vía da Prata
A Vía da Prata está a ser unha opción moi demandada por parte dos peregrinos. Así no ano 2023, preto de 8.000 persoas realizaron este itinerario, dos cales o 58% eran españois procedentes sobre todo de Andalucía, Madrid, Galicia e Comunidad Valenciana.
Na actualidade, levan xa realizados este Camiño más de 5.800 persoas, constatando así un ritmo de crecemento do 20%. A Vía da Prata resulta especialmente atractiva para os peregrinos que deciden realizar o camiño a cabalo e Turismo de Galicia e a Federación Hípica Española colaboraron na súa sinalización como itinerario ecuestre.