A actividade organizouse con motivo do Día Mundial da Auga e pretende concienciar á cativada sobre a importancia do consumo eficiente e da depuración
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, participaron esta mañá no Multiusos das Pozas na actividade promovida polo Consorcio Augas do Louro con motivo do Día Mundial da Auga, celebrado o pasado 22 de marzo.
As representantes municipais Arévalo e Loureiro acompañaron aos 100 alumnos de 3º Curso de Primaria de 4 colexios de Mos participantes na actividade, os CEIPs: Pena de Francia, Mestre Martínez Alonso, Mestre Valverde Mayo e Petelos.
Durante a iniciativa os presentes foron testemuñas dunha presentación sobre o ciclo da auga: o seu ciclo natural e a importancia deste recurso, e dunha explicación da depuración da auga que chega á EDAR (dende a entrada da auga, pre-tratamento, decantación primaria o procesado biolóxico, ata a saída da auga).
Os obxectivos que se perseguen co desenvolvemento deste evento didáctico son, segundo explicou a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, “crear conciencia no alumnado da importancia da auga para o noso benestar e o dos ecosistemas e tódolos seus compoñentes. Que o alumnado comprenda a necesidade de aforrar auga ou de ser máis eficientes no seu consumo. Comprender a importancia da auga, da auga potabilizada e ser conscientes da sorte de tela dispoñible. Que o alumnado recorde o ciclo da auga, a súa procedencia, puntos de acumulación e captación e ciclo humano. Comprender que as augas residuais supoñen unha problemática si non hai unha xestión e unha depuración na súa devolución ao ciclo da auga. Coñecer as fases de depuración da auga para que chegue o máis limpa posible aos ríos. E comprender o poder das súas accións para facer máis eficiente o uso da auga e a devolución ao ciclo natural”.
Este acto forma parte do programa de actividades dentro do horario lectivo que cada curso se organizan dende a concellería de Educación do Concello de Mos para todo o alumnado dos CEIPs e Instituto mosenses. Nesta ocasión a actividade está organizada por Aqualia e o Consorcio de Augas do Louro. Do Consorcio do Louro forman parte, ademáis do Concello de Mos, os municipios de O Porriño, Salceda de Caselas e Tui e a entidade Augas de Galicia da Xunta de Galicia.