As obras para dotar do servizo de saneamento ao barrio da Presa avanzan a bo ritmo e segundo o previsto. A Alcaldesa, Loli Castiñeira, acompañada do Concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso e das representantes da Asociación Veciñal de Parderrubias, María Rodríguez e Rosario Lorenzo, visitaron as obras para comprobar a evolución das mesmas sobre o terreo.
Nesta ocasión trátase dun tramo de 544,10 metros de lonxitude que permitirá dar servizo a un total de 13 vivendas, poñendo solución a un problema ambiental existente na zona, na que se tiñan producido filtracións de augas fecais. Este tramo era sen dúbida o máis urxente na zona, e será completado segundo as posibilidades de cada momento co resto de tramos pendentes.
O pasado 6 de febreiro, a Alcaldesa e o Concelleiro de Axenda Ecolóxica, xunto cos redactores do proxecto e a empresa adxudicataria mantiveron unha xuntanza na sede da Asociación Veciñal Santo Tomé de Parderrubias para explicarlle á veciñanza o alcance desta fase. Nesa mesma xuntanza abordouse o libro de ruta a seguir para o saneamento completo do barrio da Presa, distribuído en varias fases. A complexidade técnica da zona fai que se precise dun estudio de alternativas previo para analizar a viabilidade das diferentes opcións, estudio no que xa se está a traballar dende o Concello.
O proxecto para a obra foi encargado e financiado polo Consorcio de Augas do Louro, e agora é o Concello de Salceda quen o executa contando con unha subvención de 132.067,76€ do Plan +Provincia 2024.
O Concello de Salceda, gobernado por Movemento Salceda, segue a avanzar deste xeito na que o equipo de goberno ten xa denominado como “a lexislatura do saneamento”, na que este servizo será a prioridade número un para a Alcaldesa Loli Castiñeira e o seu equipo: “estamos de cheo na segunda transformación de Salceda, e nesa transformación o saneamento ten que ser a nosa premisa fundamental para o rural. Seguimos a cumprir os nosos compromisos coa veciñanza”.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica: “O traballo coa asociación veciñal Santo Tomé de Parderrubias leva sido moi produtivo na procura dunha solución para o saneamento no barrio da Presa. Nestes preto de dous anos de lexislatura levamos traballado arreo en conseguir facer realidade diferentes proxectos de saneamento, no que consideramos un servizo básico para a nosa veciñanza e para conseguir a fixación de poboación nas parroquias”.