adminON
Lectura mínima de 3

As Neves avanza na rehabilitación urbana e confirma a inminente licitación do enlace de Setados coa PO-400

O goberno municipal reuniuse coa Conselleira de  Vivenda para tratar proxectos de futuro e concretar o  inicio das obras desta conexión clave para a  mobilidade local 

O Concello de As Neves continúa a dar  pasos firmes na mellora da calidade de vida da súa veciñanza coa declaración dunha nova Área de Rehabilitación Integral (ARI), unha iniciativa clave para  a renovación de vivendas e a revitalización do espazo público. Esta medida, que abrangue preto de 90.000 m² e inclúe 138 vivendas en 123 edificios, foi  posible grazas á eficaz xestión municipal e á boa colaboración co Goberno  galego. 

Durante a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o goberno municipal mantivo unha reunión na que se  abordaron proxectos estratéxicos para o futuro da vila. Entre eles,  confirmouse a inminente licitación das obras de conexión da parroquia de  Setados coa estrada PO-400, unha infraestrutura moi demandada que mellorará a mobilidade e a seguridade viaria na zona. 

A nova ARI facilitará o acceso a fondos destinados á rehabilitación, o que  permitirá mellorar a habitabilidade dos fogares e favorecer a fixación de poboación no municipio. Así mesmo, o Concello das Neves leva anos  traballando activamente na captación de investimentos e programas de axuda  que garantan un crecemento sostible e unha mellora progresiva dos servizos  urbanos. Xa en 2022, As Neves conseguiu incluír este ámbito dentro do programa de Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP), que  lle permitiu acceder a 300.000 euros en financiamento para actuar sobre 30  vivendas. 

Desde o goberno municipal salientan que estas iniciativas reafirman a aposta por un urbanismo sostible e unhas infraestruturas axeitadas ás necesidades  da cidadanía. “A nosa prioridade sempre será o benestar da nosa veciñanza.  Con este tipo de proxectos, avanzamos cara a un concello máis moderno, accesible e con máis oportunidades para a xente nova”, destacan fontes municipais.

O prazo para a solicitude das axudas segue aberto ata o 26 de febreiro, polo que se anima ás persoas interesadas a informarse e beneficiarse deste  programa. 

Este logro reafirma a eficacia da xestión municipal e o bo entendemento coas  administracións autonómica e estatal, demostrando que cando se traballa con rigor e planificación, os resultados chegan en forma de melloras reais para a  cidadanía.

Comparte este artigo