Redondela celebra o día da Muller na Ciencia con distintas actividades. O Concello contrata a ‘Héroes por la ciencia’ para facer unha escape room con temática de igualdade de xénero e mulleres pioneras na ciencia que estará dispoñible en diferentes datas ao longo de febreiro.
Unha proposta pioneira para darlle máis valor e importancia a unha data sinalada no calendario do Concello.
O Concello de Redondela colaborou co IES Mendiño na edición dun libro coordinado pola profesora Almudena Suárez Cerviño e desenvolvido polo alumnado do centro.
A alcaldesa Digna Rivas quere destacar que “este ano decidimos apostar e poñer aínda máis en valor a celebración do Día da Muller na Ciencia. Tódolos anos facemos un acto, pero este decidimos ampliar a programación máis alá, con actividades durante o mes de febreiro nas que se terá en conta o valor das mulleres emprendedoras. Trátase de ir mellorando e superándonos cada ano”.
A presentación do libro tivo lugar nun acto celebrado no IES Mendiño no que participou tamén a alcaldesa, Digna Rivas, quen gabou o traballo realizado polo alumnado baixo a dirección de Almudena Suárez Cerviño e editado polo Concello que deu lugar a “un dos libros máis importantes do municipio, por como nace como resultado dun traballo conxunto e tamén polo seu contido, xa que serve para denunciar esa invisibilización da muller en todos os ámbitos e tamén nos prestixiosos premios Nobel”. Ademais, Mónica Sueiro traslado a realidade do libro na súa representación performática ‘Subterránea’ facendo un símil á invisibilidade das mulleres. “Escollimos a Mónica Sueiro porque o seu traballo encaixa, vai na mesma liña e corresponde coa reinvindicación que queren expresar no libro”, explicaba Rivas.
O texto é un traballo laborioso dos alumnos e alumnas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Mendiño e coordinado pola profesora Almudena Suárez. Este denuncia a inxustiza que supón que tan só o 6% dos Nobel entregados ao longo da súa historia foran entregados a mulleres. O nome fai referencia ao total de 58 mulleres fronte aos 885 premios outorgados ata a data. No libro podemos atopar a posta en valor dos traballos destas mulleres en campos tan diversos como a literatura, a paz, a medicina, a física ou a química.
“Este goberno aposta pola igualdade en tódolos ámbitos e é para nós moi importante poder traballar cos institutos. A intención e traballar de forma transversal dende as distintas concellerías, sempre enfocado dende unha ollada inclusiva e igualitaria. Queremos agradecer a Almudena Suárez Cerviño e a todo o alumnado do IES Mendiño que tanto esforzo puxo para facer este libro posible”, explicaba Rivas. Para o Concello a participación do alumnado foi fundamental, xa que foron os rapaces e rapazas matriculadas e matriculados en Relixión de 4º da ESO e os de 1º de Bacharelato os encargados de traballar nas biografías que se recollen no libro. Pola súa banda, o alumnado de 3º ESO elaborou os retratos que ilustran o libro.
Para poñer sobre a mesa a desigualdade e levar o debate á educación, Almudena Suárez Cerviño decide crear esta publicación que ten unha tripla finalidade “didáctica, para coñecer a vida destas gañadoras; referencial, para servir de espello no que mirarse as nosas alumnas e de denuncia, para poñer de manifesto a desigualdade que existe na nosa sociedade e o longo camiño que queda por percorrer ata acadarmos a tan desexada igualdade”, tal e como podemos ler no prólogo do mesmo. A alcaldesa engadía ao respecto que, “en canto un traballo deste calibre se presenta ante nós non dubidamos en colaborar e poñer todo o que está na nosas mans para facelo realidade”.
Como xa dixemos ao comezo, a presentación do libro é o pistoletazo de saída ás actividades do mes de febreiro enfocadas á Muller na Ciencia. A Concellería de Igualdade presenta, no seu compomiso de impulsar ás empresas locais, actividades a cargo de ‘Héroes por la ciencia’. Formada por dúas emprendedoras redondelás, esta empresa dedícase a achegar a todos e todas á ciencia en todos os seus campos de forma dinámica, orixinal e divertida. ‘Héroes por la ciencia’ traerá a Redondela unha escape room con temática de igualdade de xénero e mulleres pioneras na ciencia que estará dispoñible en diferentes datas ao longo de febreiro.
“Ademais do traballo que facemos todo o ano cos institutos, é importante seguir traballando pola igualdade e queremos superarnos cada ano na nosa labor de recoñecemento e divulgación das Mulleres na Ciencia”, conclúe Rivas.