Os exemplares, que son alevíns, proceden do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre e son parte da fauna autóctona do lago
O Lago Castiñeiras é un dos espazos naturais máis ricos da nosa contorna e aproveitalo e coidalo é unha das prioridades do Goberno local. O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas e a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, acompañaron esta mañá, xunto co presidente da CCMM de Santomé, Daniel Rosales, aos técnicos do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, que botaron ao lago 6.000 exemplares de troitas, de tipo salmo trutta.
Estes exemplares foron criados na piscifactoría do centro e forman parte da fauna autóctona do lago. Son alevíns, polo que crecerán no propio ecosistema natural no que foron depositados.
Esta operación faise ao longo dos anos para manter unha poboación estable de troitas no lago, unha poboación que se vai controlando por parte da CCMM e que supón, como todas as iniciativas medio ambientais que se realizan no Lago, unha aposta máis por enriquecer o seu atractivo.



