O BNG de Vigo proporá a reprobación de Caballero no Pleno polo caso Saltamontes
A fronte nacionalista acusa ao alcalde de manter unha “continuada opacidade” sobre o accidente mortal, bloquear a Comisión de Investigación e negarse a asumir nin depurar responsabilidades políticas
Xabier P. Igrexas: “Un alcalde que se nega a dar a cara no Pleno, que se nega a someterse ás preguntas e ao control da oposición, que se nega a dar respostas e asumir responsabilidades, simplemente non merece seguir sendo alcalde”
VIGO, 28 de xuño 2026.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo defenderá no Pleno municipal deste luns unha proposta de reprobación do alcalde, Abel Caballero, pola súa actuación no chamado caso Saltamontes.
A iniciativa, que se tramitará a través dunha emenda á moción do Partido Popular, fundamenta este reproche político na “continuada opacidade” do rexedor en todo o relacionado co accidente mortal rexistrado durante as festas de Matamá, no bloqueo á creación dunha Comisión de Investigación, na ausencia de medidas correctoras para reforzar os protocolos municipais de seguridade e na súa negativa a depurar responsabilidades políticas, mantendo a confianza na concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, malia a súa imputación xudicial por un presunto delito de homicidio imprudente.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, sostivo que “non abonda con demandar unha vez máis a comparecencia do alcalde”, en referencia á moción presentada polo Partido Popular, despois de que “hai apenas dez días, no Pleno extraordinario convocado pola oposición, Abel Caballero vetase de maneira absolutamente ilegal a súa propia comparecencia”.
Igrexas cualificou aquela decisión de “aberrante por antidemocrática” e lembrou que “só o BNG enfrontou ese veto”, mediante a presentación dun recurso de reposición e dunha denuncia diante da Valedora do Pobo. Nese sentido, censurou a “incomprensíbel inacción do Partido Popular nunha cuestión que é de mínimos democráticos”, ao non actuar fronte ao que considera unha vulneración dos dereitos da oposición e das facultades de control do Pleno.
Rotundo reproche democrático
O portavoz nacionalista defendeu que, “após case 700 días de silencio e de ocultamento tras un accidente nunha atracción que non tiña autorización municipal e que lle custou a vida a un veciño de 36 anos, e de negar as respostas que a cidadanía merece”, chegou o momento de que o Pleno exprese “un rotundo reproche democrático” coa reprobación do alcalde.
“Un alcalde que se nega a dar a cara no Pleno, que se nega a someterse ás preguntas e ao control da oposición, que se nega a dar respostas e asumir responsabilidades, simplemente non merece seguir sendo alcalde”, concluíu Igrexas.

