O BNG de Vigo esixe a Caballero que deixe de ser cómplice do “rendismo ultraespeculativo” e actúe contra os pisos turísticos
A fronte nacionalista reclamará no Consello da Xerencia de Urbanismo información sobre inspeccións, sancións e expedientes contra vivendas de uso turístico ilegais
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que deixar de ser cómplice, por omisión, da peor e máis grave forma de rendismo especulativo que son os pisos turísticos”
VIGO, 5 de outubro 2026.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo interpelará mañá directamente ao Goberno municipal de Abel Caballero no Consello da Xerencia de Urbanismo para esixir explicacións sobre as medidas que está a adoptar para frear o fenómeno dos pisos turísticos e o seu impacto sobre a dispoñibilidade de vivenda residencial.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, reclamará ao Goberno local que informe de cantas inspeccións realizou, cantos expedientes sancionadores abriu e de cantas vivendas de uso turístico que operan ilegalmente solicitou á Xunta a baixa do rexistro autonómico.
“A pregunta é moi sinxela: que está facendo o Concello? Cantas inspeccións realizou? Cantos expedientes abriu? Cantos pisos turísticos ilegais está reclamando que sexan retirados do rexistro da Xunta?”, sinalou Igrexas.
Case sete pisos turísticos por cada vivenda en alugueiro
A fronte nacionalista denuncia o que cualifica como “boom ultraespeculativo” dos pisos turísticos e alerta do desequilibrio existente entre a oferta destinada ao turismo e a dispoñibilidade de vivenda para residencia habitual. Vigo conta actualmente con arredor de 2.000 pisos turísticos fronte a unhas 300 vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, polo que existirían case sete pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro. A fronte nacionalista advirte ademais do incremento dos alugueiros de tempada, que engaden presión sobre unha oferta residencial xa moi limitada.
Igrexas contrapuxo esta situación coa evolución dos prezos: “os datos son dramáticos e demostran un desequilibrio insostíbel”. O portavoz nacionalista sinalou que, segundo os datos do BNG, desde 2016 os prezos dos alugueiros en Vigo aumentaron un 70%, máis do dobre do incremento do IPC xeral no mesmo período.
Un instrumento baleiro
Para o BNG, a ordenanza municipal reguladora das vivendas de uso turístico non pode converterse nunha simple declaración normativa sen unha aplicación efectiva. A regulación municipal establece precisamente condicións urbanísticas, técnicas e administrativas para a implantación, funcionamento e control das VUT no termo municipal.
“A ordenanza municipal demostrou ser un auténtico bluff, un instrumento baleiro se non vai acompañado de vontade política, inspección e sanción”, criticou Igrexas. Por iso, a fronte nacionalista reclama a posta en marcha dun Plan Municipal de Control e Inspección das Vivendas de Uso Turístico, con medios suficientes para identificar as actividades que incumpren a normativa e facer efectiva a disciplina urbanística.
“Non vale escusarse no rexistro da Xunta, que é un auténtico coadoiro sen filtros. O Concello ten competencias urbanísticas claras e ten a obriga de fiscalizar a legalidade, a habitabilidade e a seguridade destas vivendas”, afirmou.
O BNG reclama tamén que o Goberno municipal aplique as posibilidades abertas pola normativa estatal para que as comunidades de propietarios poidan limitar ou impedir determinados usos turísticos dos inmóbeis.
Negocio duns poucos
Igrexas advertiu de que a proliferación de vivendas destinadas ao alugueiro turístico e de tempada non pode abordarse como un fenómeno alleo á emerxencia habitacional que vive Vigo. “Temos que poñer fin a esta barra libre especulativa. O negocio duns poucos non pode seguir negando o dereito fundamental á vivenda e expulsando a nosa veciñanza dos barrios de Vigo”, defendeu.
O portavoz municipal do BNG reclamou así ao Goberno de Caballero que abandone a pasividade e exerza as competencias municipais para garantir que o uso turístico das vivendas se axuste á legalidade e non continúe reducindo a oferta residencial. “Abel Caballero ten que deixar de ser cómplice, por omisión, da peor e máis grave forma de rendismo especulativo que son os pisos turísticos”, remachou Igrexas.

