Esta lanparty, que terá lugar do 7 ao 9 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará de novo co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia e con R como empresa colaboradora e patrocinadora oficial
Os inscritos na Intranet poderán participar en todas as propostas e terán acceso a competicións exclusivas de arte dixital, hardware, software libre ou videoxogos
Os visitantes que acudan á Extranet, a zona de acceso libre que estará aberta durante os dous primeiros días, tamén poderán desfrutar de conferencias, talleres o unha área de videoxogos
A XGN R Encounter ten xa practicamente definido o programa da súa 22ª edición, a cal terá lugar do 7 ao 9 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Serán máis de 50 actividades lúdicas e formativas relacionadas coa informática, as novas tecnoloxías e o lecer electrónico as que se desenvolvan nesta cita, que xa será no seu formato completo. Así, tras celebrase online en 2020 e volver facelo de forma presencial para inscritos en 2021, este ano recupera tamén a súa área de acceso libre no recinto, cuxas actividades se realizaron na pasada edición a través de internet debido a que a pandemia aínda o esixía.
En canto ás propostas dirixidas exclusivamente aos inscritos, a Intranet da XGN R Encounter incluirá competicións de arte dixital, centradas en curtametraxe, gráficos 3D, ilustración e música dixital, concurso de dobraxes e fotografía, retoque fotográfico, fast compos e anime music vídeo. Ademais, en hardware contará con diversas actividades, entre elas modificación e personalización de equipos, talleres de hidroimpresión (consiste na transferencia dun deseño impreso nunha lámina a calquera obxecto que entre nunha cubeta) ou experiencias de realidade virtual.
Así mesmo, os participantes poderán tomar parte, no apartado de software libre, no AI Contest, unha proba centrada en programar un robot para que compita con outros nun sinxelo xogo. Ademais, organízanse torneos de numerosos videoxogos, entre eles League of Legends, Valorant, Rocket League, Fifa 22, Mario Kart 8 ou StreetFighter V. E, como sempre, haberá tamén divertidos xogos como o Trivial de cinema e de xogos, a competición de avións de papel “papers flight simulator” ou o “Game of encounter: A casa da org”, un torneo con gran número de probas.
Extranet
A volta da Extranet á presencialidade permitirá retomar actividades de gran atractivo tanto para inscritos como para visitantes ocasionais ao recinto. Así, esta zona de acceso libre incluirá durante os dous primeiros días da party interesantes conferencias con títulos como “Monta a túa web dende cero”, “Ivao, simulando o ceo” ou “Materiais baratos para iniciarse no cosplay (actividade consistente en usar disfraces e accesorios para representar un personaxe de videoxogo, cinema, manga ou cómic)”, e tamén talleres a través dos que se poderá programar un sensor para medir a calidade do aire, deseñar un reloxo con 60 leds que fan de segundeiro ou xogar ao fútbol cos Robots Dash. Así mesmo, Ivao (International Virtual Aviation Organisation) organizará eventos de simulación de voo e tamén concursos virtuais de “tomas suaves” e “voo nivelado”.
Todo isto dotará de gran atractivo a esta 22ª edición, a cal conta con R como colaboradora e patrocinadora oficial por sexto ano consecutivo e tamén co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, impulsora da party.



