A Agrupación Socialista de Catoira denuncia que o municipio vive unha situación “insostible e impropia dun concello que presume de patrimonio”, e responsabiliza directamente ao alcalde, Xoán Xosé Castaño, da “deixadez continuada e da incapacidade para gobernar” que —segundo afirman— está a provocar un deterioro evidente en todo o termo municipal.
O exemplo máis grave, sinalan, é o estado lamentable do entorno das Torres de Oeste, un dos símbolos de Galicia e o principal reclamo turístico de Catoira. Os socialistas describen unha escena “que non precisa explicación, porque fala soa”: leña acumulada desde o ano pasado, maleza que invade todo, contedores tirados, un camiño intransitable e un aspecto xeral “que semella máis o resultado dun abandono prolongado que dun descoido puntual”.
Engaden que o escenario das representacións teatrais, a capela, as mesas e os bancos están cubertos pola vexetación, “como se o Concello decidise que a natureza fixese o traballo que o goberno non fai”. Para a agrupación, isto non é un accidente: “é a consecuencia directa da falta de xestión de Castaño”.
O portavoz socialista Alberto García vincula tamén o descenso de visitantes, sinalado polo sector servizos, co abandono xeralizado e co peche do Museo, que leva máis de seis meses sen actividade. Lembran que antes contaba cun guía turístico e cunha persoa auxiliar que atendían visitantes durante todo o ano. “Agora quen chega atopa todo pechado, sucio e descoidado; nin os petroglifos se poden ver porque están tapados”, denuncian e os muíños de vento están nunha situación similar.
Os socialistas consideran especialmente rechamante que, neste contexto, o alcalde fixese recentemente un chamamento ao civismo tras difundirse imaxes de persoas subindo ás estruturas das Torres de Oeste. “Resulta curioso que quen non mantén o patrimonio pida civismo aos demais. O primeiro acto de civismo dun goberno é coidar o que é de todos”, afirman.
A Agrupación Socialista de Catoira esixe a Castaño que asuma responsabilidades, actúe con urxencia e devolva ás Torres de Oeste, ao Museo e ao conxunto do municipio “a dignidade que perderon pola súa falta de xestión”.

