HomeVigoMosA alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a corporación municipal reciben aos...

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a corporación municipal reciben aos campións do Club Xadrez Mos A polo seu brillante ascenso á máxima categoría autonómica

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada de membros da corporación municipal, recibiu onte no pavillón Óscar Pereiro aos integrantes do Club Xadrez Mos A, nun acto de recoñecemento polos importantes logros deportivos acadados esta tempada.

O equipo mosense proclamouse campión da Liga Galega na categoría Preferente, asinando unha tempada impecable, sen coñecer a derrota. O Xadrez Mos A conseguiu gañar a fase regular con xornada de antelación e impúxose no PlayOff final por un marcador de 7 a 5 ante o Algalia de Santiago de Compostela. Estes resultados permitiron ao equipo regresar á máxima categoría do xadrez galego, situándose entre os 12 mellores clubes autonómicos, con dereito a competir na Liga Nacional.

Durante a recepción, a alcaldesa Nidia Arévalo destacou “o orgullo que supón para Mos contar cun equipo tan novo, talentoso e en continua progresión”, e felicitou tanto aos xogadores como á directiva polo seu compromiso co deporte e coa formación técnica dos seus membros.

Ademais do éxito colectivo, na presente tempada dous xogadores do club, Xabier Pérez Sousa e Brais Otero Nogueira, acadaron a puntuación necesaria para obter o título internacional de Candidato a Mestre (CM). Con estes logros, o Xadrez Mos conta agora con catro xogadores con titulación internacional, sumándose aos xa recoñecidos Gran Mestre Manuel Pena Gómez e Mestre FIDE Miguel Senlle Caride.

A directiva do club, presente no acto, amosou a súa satisfacción polo traballo feito e anunciou que xa están preparando con ilusión e ambición a tempada 2026, coa meta de consolidar o club na elite do xadrez galego e nacional.

O Concello de Mos reiterou o seu apoio ao deporte local e reafirmou o compromiso de seguir colaborando co Club Xadrez Mos en futuras competicións e proxectos.

Publicacións Relacionadas