A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada por Felisa Rodríguez, concelleira de Deportes, visitou onte o campo de fútbol de As Baloutas, para supervisar as obras de mellora que levaron a cabo nas instalacións deportivas municipais.
A actuación principal consistiu na renovación integral do sistema de iluminación, que substitúe os antigos proxectores por novas luminarias LED de alto rendemento de 400 W, permitindo unha maior eficiencia enerxética e mellores condicións de visibilidade para a práctica deportiva.
Ademais da iluminación, a alcaldesa supervisou os traballos nos vestiarios, que inclúen a mellora do tellado, a instalación de novas luminarias interiores e o pintado interior e exterior das instalacións, co obxectivo de ofrecer un espazo máis seguro, funcional e agradable para os usuarios. Todas estas actuacións supuxeron una inversión de máis de 70.000 euros.
A alcaldesa Nidia Arévalo destacou que “estas actuacións responden ao compromiso do Concello de Mos por garantir instalacións deportivas de calidade e seguras, tanto para a Unión Deportiva Mos como para todos os veciños e veciñas que utilizan estas instalacións”. Tamén precisou que “a renovación do alumeado e as melloras nos vestiarios permitirán un uso máis eficiente e cómodo do campo, respectando a normativa vixente en materia de seguridade e eficiencia enerxética”.
Con estas actuacións, o Concello de Mos reforza o seu compromiso co deporte local, a sostenibilidade enerxética e a seguridade de todos os usuarios.



