HomeVigoMosA alcaldesa Nidia Arévalo supervisa o avance das obras da nova escola infantil...

A alcaldesa Nidia Arévalo supervisa o avance das obras da nova escola infantil do Rebullón

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polo concelleiro Camilo Grandal, visitou as obras da nova escola infantil do Rebullón, xunto co proxectista e director de obra, Ángel Santorio, para comprobar o bo ritmo dos traballos. A previsión é que o novo centro educativo estea finalizado xa no mes de decembro deste ano.

A nova escola infantil atópase actualmente na súa primeira fase de construción. Nesta fase inicial xa se completaron a estrutura e a cimentación do edificio, e agora avanzase no cerramento exterior e na cuberta. O centro contará con 41 prazas públicas e gratuítas, ampliables ata 82 no futuro, e suporá un importante impulso para a conciliación das familias de Mos e para seguir reforzando a rede de educación infantil 0-3 anos no municipio, que xa conta con cinco escolas infantís, tres delas de titularidade autonómica. A Xunta de Galicia financia este proxecto cunha achega económica duns 700.000 euros.

A alcaldesa Nidia Arévalo destacou que “esta escola infantil é un proxecto moi esperado polas familias mosenses, unha infraestrutura moderna, sostible e pensada para ofrecer un servizo de calidade ás crianzas e ás súas familias. Con ela, seguimos ampliando recursos que favorecen a conciliación e a igualdade de oportunidades”.

Arévalo tamén puxo en valor a colaboración institucional: “Este centro é froito do traballo conxunto entre o Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e un exemplo de que, cando se suman esforzos, chegan grandes proxectos que melloran a vida da veciñanza”.

Con esta obra, Nidia Arévalo subliña que “imos contar cun espazo educativo referente, deseñado para responder ás necesidades reais das familias, e con capacidade de crecemento para dar resposta á demanda futura”.

Publicacións Relacionadas